Mala fin de semana en primeira

Celta e Depor caeron nas súas visitas a Euskadi e Madrid. O Lugo e o Coruxo gañan fóra de casa, entrementres o Ourense deixa escapar os tres puntos no Couto.
Celta en San Mamés
photo_camera Celta en San Mamés

Un Celta falto de ideas deixou escapar os tres puntos que lle darían certa tranquilidade na clasificación. Os xogadores de Herrera agardaron un fallo na defensa do Athletic que non sucedeu en todo o partido sen ter en conta que non hai dous encontros iguais nesta liga. Demostrouno o equipo local cando aproveitou en erro dos de Balaídos para abrir o marcador. Foi Aduriz quen superou a Túñez e dun forte disparo conseguiu bater a Javi Varas no minuto 33. A sorpresa do resultado para os visitantes impediulles reaccionar e agardaron achegada do tempo de descanso.

Na segunda parte o Celta mellorou algo o seu xogo e conseguiu presionar o rival. O Athletic resolveu deixar pasar os minutos coa desesperación dos de Herrera que tiñan diante un freo aos resultados de días anteriores. Xusto resultado que deixa os de Herrera no posto quince da clasificación, a tres puntos do descenso.

O Depor achegándose ao inferno

O Deportivo ten cada xornada menos posibilidades de se manter en primeira. A visita ao Calderón era unha boa oportunidade de deixar atrás o Granada e o Espanyol, ambos tamén con malos resultados esta fin de semana. Non foi así. O Atlético de Madrid superou en todo o campo o xogo dos de Oltra e en vinte minutos marcaron a diferenza entre ambos os dous equipos. Abriu o marcador Diego Costa no minuto 23 e sen tempo para a reacción comezou o festival de Falcao. Primeiro no minuto 28 cun forte disparo cruzado e continuou no minuto 41 tamén de forte disparo.

Na segunda agardábase unha reacción mais continuou o festival dos de Madrid... e de Falcao. No minuto 64 penalti ao propio Falcao que transformou para poñer o 4-0 no marcador e catro minutos despois de cabeza. Unha xogada persoal do propio xogador colombiano deixaba o 6-0 final a un Depor que non tivo o seu mellor día.

Vitoria importante do Lugo

Gañar en casa ao segundo da clasificación pódese dicir que é un gran resultado. O CD Lugo continúa a demostrar que quere e pode nas visitas fóra de casa. Desta vez o Almería non conseguiu frear a capacidade en ataque dos de Quique Setién. A primeira parte do encontro o Lugo avisou das súas serias intencións que materializou na segunda. Foi no minuto 63 cando a equipa galego aproveitou un contragolpe mortal diante dunha defensa insegura. O goleador desta vez foi Óscar Díaz que recibiu un pase de Victor Díaz para marcar coa portería baleira. Os máis de vinte minutos que quedaban para o remate non tiveron moita historia pola incapacidade dos locais de recuperarse do golpe. O Lugo queda no posto 16º da clasificación empatado a 20 puntos co Xerez.


Xornada desigual en 2ºB

Mal partido do CD Ourense diante do Caudal Mieres CF. Os asturianos viñeron a polo encontro desde o primeiro minuto e as decisións arbitrais axudaron algo a que saíran cun bo resultado do Couto. Comezou o xogo cunha igualdade de oportunidades que rematou no minuto 24 cun penalti a Nacho López e a expulsión con cartón vermello directo ao porteiro ourensán Pato. Prosi transformaría en gol a falta máxima e Luisito tivo que substituír a Borja Valle para que entrara Manu Táboas no campo. Os asturianos aproveitaron a vantaxe de ter un xogador máis e aumentaron o marcador no minuto 42 despois dun remate de cabeza de Borja Navarro. No minuto 60 chega a segunda expulsión ao Ourense e morreu o encontro no Couto. Con este resultado o CD Ourense queda no posto 10º da clasificación con 22 puntos.

O Coruxo continúa no bo camiño. Na visita a Xixón os de Vigo conseguiron sumarlle tres puntos máis diante do Sporting B. Despois dunha primeira media hora de acoso dos locais na que conseguiron mesmo marcar un gol ao aproveitar Julio unha xogada a balón parado cando levaban quince minutos de partido. O Coruxo insistiu e nos minutos finais da primeira parte marcou dous tantos que deixaron aos locais coa moral moi baixa. Primeiro foi Yago Yao no minuto 39 e logo Antúnez no 43 de falta máxima.

Na segunda parte o Sporting B tentou recuperar o seu xogo mais a veteranía dos de Vigo non deixou ningunha posibilidade para a sorpresa. O encontro rematou coa vitoria dos galegos por 1-2 polo que seguen a ter moitas posibilidades de ascenso nunha das categorías máis complicadas do campionato.

Comentarios