O foco do atletismo galego desprázase a Don Benito, Cidade Real e Vigo esta fin de semana

Tres torneos acaparan o interese da afección.
Belén Toimil aspira a revalidar o seu ouro no Estatal universitario. (Foto: Europa Press).
photo_camera Belén Toimil aspira a revalidar o seu ouro no Estatal universitario. (Foto: Europa Press).

Superada a tempada de pista cuberta, o atletismo ao aire libre colle a remuda con forza, e ao longo desta fin de semana terán lugar tres competicións de sumo interese para a afección galega.

A máis próxima será en Vigo, concretamente nas pistas de Balaídos, co gallo do Campionato Xunta da Galiza de Probas Combinadas por Clubs. Deste modo, ao longo do sábado e o do domingo preto dun cento de atletas masculinos e femininas saltarán ao tartán, destacando nomes propios como os do internacional Adolfo Saínz-Maza (Real Club Celta), Carlos Blanco (Ames Atletismo), Héctor Alba (Club Atletismo Sada), Eva Salvado (Sociedade Ximnástica de Pontevedra), Nerea Amigo (Club Atletismo Sada), Noa Bobillo (A Purísima), Antía Calvo (A Silva) ou Carla Allegue (Xuncas Diversia). 

Paralelamente, un total de 30 atletas representarán o país no Campionato de España Universitario de Atletismo, que se desenvolverá na localidade manchega de Cidade Real.

Até alí viaxarán representantes da Universidade de Vigo -a institución académica da Galiza que máis competidores e competidoras achega ao certame, con 10-, a Universidade de Santiago de Compostela (8) e a Universidade da Coruña (5).

Con respecto á relación de participantes, brillan con luz propia dúas atletas galegas  que contan con ficha da Universidade Católica San Antonio de Murcia (UCAM) e xa subiron ao máis alto do podio das súas respectivas disciplinas en 2023. Trátase da olímpica e plusmarquista estatal absoluta de peso, a mugardesa Belén Toimil, e da campioa estatal de xavelina, Carmen Sánchez.  

Non obstante, tamén terán opcións de metal Paula Piñón na mesma proba de xavelina, Jacobo Soler nos 400 metros lisos, Hugo García tanto nos 1.500 lisos como nos 3.000 obstáculos, Xabier Lires nos 400 valos, Carlos Revuelta en martelo ou Alba Pérez na marcha.

Finalmente, e movendo o foco a Don Benito (Estremadura), as deportistas máis veteranas teñen unha cita no Campionato de España dos 5 Quilómetros Máster. Na relación de admitidas figuran 21 galegas e galegos, incluídos o trimedallista dos pasados mundiais de pista cuberta de Polonia (Pablo Fervenza) ou o plusmarquista mundial das remudas 4x800, Nemesio Gutiérrez.

Comentarios