Rubiales, en 2020, sobre o Dépor-Fuenlabrada: "Adulteramos a competición, hai que asumilo"

"Creo que o mellor é que recibamos unha orde de Sanidade de que non se pode xogar", dixo o presidente da RFEF, que admitiu que chegarían "demandas" por esa decisión.
No eido exclusivamente futbolístico, o Deportivo volveu recordar por que, a día de hoxe, é equipo de Segunda División B. (Foto: CFF Fuenlabrada).
photo_camera O partido entre Dépor e Fuenlabrada disputouse após concluír a última xornada da Segunda División e cos coruñeses xa descendidos. (Foto: CFF Fuenlabrada)

O presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, recoñeceu no verán de 2020 ter "adulterado" a competición tras pospor o encontro entre o Deportivo da Coruña e o Fuenlabrada en Riazor e impedir, deste modo, que decorrese ao mesmo tempo que o resto da última xornada de Segunda División.

Así o vén de desvelar o xornal El Confidencial, que sostén que Rubiales dixo por WhatsApp ao seu secretario xeral, Andreu Camps, após tomar esa decisión: "Temos un 'marrón'. Adulteramos a competición, hai que asumilo [...] Si, van vir demandas".

O motivo da suspensión temporal foi un gromo de Covid-19 no Fuenlabrada, malia que, segundo as informacións deste medio, Rubiales prefería non ser el quen tomase a decisión. "Que propoñan eles e nós aceptamos, non? Mais que non afecte as nosas competicións", apuntou, en alusión a La Liga, que preside Javier Tebas.

"Creo que o mellor é que recibamos unha orde de Sanidade de que non se pode xogar", engadiu o presidente da RFEF nesas conversas.

Cómpre lembrar que é La Liga a responsábel das competicións de Primeira e Segunda División, mentres que á Federación lle corresponde a Primeira RFEF —daquela aínda Segunda B, categoría á que finalmente descendeu o Dépor—.

Tebas, tamén cuestionado

Xa en setembro dese mesmo ano o Goberno estatal presentou ante a Fiscalía unha demanda contra Javier Tebas pola súa presunta vinculación co Club de Fútbol Fuenlabrada, a cuxo Consello de Administración pertence o seu fillo.

Comentarios