Análise da xornada

O Rácing de Ferrol confirma o seu liderado nunha Primeira RFEF co Dépor recuperado

A última xornada de fútbol nas principais categorías deixou un Rácing de Ferrol aínda máis líder da Primeira RFEF e un Dépor recuperado. Celta e Lugo non conseguen puntuar os seus encontros iniciando unha dura semana.  Pontevedra e Celta B, por último, empatan en Pasarón na súa particular pugna por evitar os postos de descenso.
O Rácing de Ferrol aproveitou a viaxe até Ceuta para voltar cos tres puntos que o manteñen como líder (Foto: Nós Diario).
photo_camera O Rácing aproveitou a viaxe até Ceuta para voltar cos tres puntos que o manteñen como líder. (Foto: Nós Diario)

En Ferrol comezan a pensar que o ascenso de categoría é algo máis que unha posibilidade. O Racing aproveitou ben a súa viaxe até Ceuta para levarse o partido (0-2) e continuar como líder de Primeira RFEF, agora en solitario con tres puntos de diferenza con respecto ao Córdoba. Sete vitorias en oito xornadas e tres partidos seguidos sen encaixar un gol fan que adestrador ferrolán amosara ao remate do encontro a súa ledicia polo resultado e polo equipo. 

A incógnita da fin de semana en Primeira RFEF estaba en Riazor e en como reaccionaría o Dépor coa chegada de Óscar Cano. O resultado non podía ser mellor para os herculinos ao colleitar unha vitoria por 2-1 diante dun Linares que chegaba invicto á Coruña. Mais non só foi o resultado, que mantén ao club galego quinto na clasificación e na loita polo ascenso, tamén as sensacións que deixou na afección que hai uns días asubiaba o xogo do seu equipo. 

O derbi en Pasarón, pola súa parte, entre o Pontevedra e o Celta B rematou en empate (1-1), un resultado que podería enganar se non temos en conta que os xogadores de Antonio Fernández conseguiron igualar o partido a poucos minutos do final. O equipo da cidade do Lérez segue sen facer o seu mellor fútbol e mantén un pé na zona de descenso repetindo outra semana máis, co filial do Celta, o seu posto na clasificación.

Celta e Lugo, sen puntuar

Cunha boa sensación non chega para gañar un partido. O Celta volveu a dar unha boa imaxe diante da Real Sociedade mais sen conseguir resultados ao rematar perdendo por 1-2. Certo é que a semana pasada tiña diante ao Barcelona e esta mesma ao equipo donostiarra que contaba os seus últimos partidos por vitorias. A boa nova é que Iago Aspas reencontrouse co gol, sete esta tempada, na xogada do empate. Faltará ver se Coudet recupera o ánimo do vestiario. 

O pesadelo do Lugo continúa. A derrota diante do Málaga na Rosaleda esta fin de semana (3-2) afunde aínda máis ao equipo galego ao perder postos na clasificación e entrar na zona de descenso. Ademais do mal resultado, a sensación de mal xogo deixou nun mal lugar a Hernán Pérez.

Na cidade da muralla xa comezaron a circular voces que piden a dimisión do adestrador como un revulsivo para mellorar esta situación.

Comentarios