Óscar Cano quere "cohesionar" ao Dépor para mellorar o equipo

O novo técnico herculino presentouse esta cuarta feira en Riazor en rolda de prensa. Na súa primeira intervención diante dos medios de comunicación evitou falar de pasado e non deu moitas pistas de como pensa corrixir a liña do equipo herculino para mellorar a súa situación na Primeira RFEF. 
Óscar Cano en Riazor (Foto: Dépor)
photo_camera Óscar Cano en Riazor (Foto: Dépor)

Expectación esta cuarta feira na sala de prensa de Riazor para ver e escoitar a rolda de prensa de presentación de Óscar Cano, o novo adestrador do Dépor que substitúe a Borja Jiménez  como técnico do primeiro equipo. O andaluz non quixo falar do pasado nin valorar ao seu predecesor afirmando que “máis que falar cara atrás, quero ver aos mozos, o seu estado de ánimo, ver que poden dar de aquí cara a adiante”. 

Após recoñecer que a súa fichaxe realizouse esta pasada segunda feira “pola mañá” recoñeceu que non ten “liñas mestras” mais que buscará “cohesionar á xente, relacionala de tal forma para que emerxa iso que cada un demostrou nos seus equipos anteriores”. 

Na súa intervención, o técnico deportivista rexeitou falar de “carencias” no actual cadro de xogadores que atopou no Dépor e preferiu indicar que “hai posibilidades e marxe de mellora. Se hai un proxecto estrela, que de verdade conteña dentro de se mesmo unha alta probabilidade de ascenso chámase Deportivo da Coruña". 

Sobre o equipo actual co que conta, cre que “hai un persoal repleto de grandes centrocampistas, con xente que ten bo pé para saír, con xente determinante relacionada coa área”. En todo caso afirma que terá sempre en conta á canteira coa que conta aínda que polo de agora non ten “un xuízo de valor” sobre o seu nivel, sinala que “se foron campións de España ten que haber bos xogadores”. 

A presión de estar nun club como o Deportivo

Mudar a situación do equipo herculino, no posto quinto da clasificación con sete puntos de diferenza respecto ao líder, e os malos resultados será a tarefa do novo adestrador. Cano confesa que leva “22 anos adestrando, pero nunca estiven nun club desta dimensión” e admite un gran respecto por un club “que tivo “nesta mesma sala de prensa  xente importante como Irureta, Arsenio Iglesias, e no vestiario campións do mundo”. 

En relación aos cambios de adestradores, Cano foi moi directo ao declarar que “onte asinei o contrato, firmas un contrato coa benvida e a acta de defunción. En canto firmas, quédache un día menos que estar aquí”. Por último, sobre o pasado afirma que o Dépor "non ten nada que ver esta situación coa de Badaxoz. Aquí queren vir os mellores".

Comentarios