Falece o barallés Fernando Tallón, plusmarquista estatal de xavelina

Dominou a disciplina nas décadas de 1960 e 1970.
fernando_tallon_RFEA
photo_camera Fernando Tallón, nunha composición fotográfica realizada pola RFEA.

O ex atleta Fernando Tallón López, ex plusmarquista estatal de xavelina e campión de España nas décadas de 1960 e 1970, faleceu na quinta feira en Ourense aos 75 anos, segundo confirmou onte a Real Federación Española de Atletismo (RFEA).

Nacido en Baralla, na comarca dos Ancares, en 1946, Tallón foi a gran referencia da xavelina a nivel estatal na segunda parte da década de 1960 e durante a de 1970, acumulando até oito récords de España co modelo antigo de xavelina, levándoa desde os 73.92 metros que lanzou en 1968 até os 81.80 metros en 1975, que sería o último con este modelo até a mudanza de artefacto en 1985.

Ademais, foi seis veces campión de España absoluto (1968, 1969, 1970, 1971, 1974 e 1975) e internacional español absoluto en 25 ocasións (1966-1976), e unha vez como atleta júnior. Participou nos Xogos Mediterráneos de Tunisia en 1967, onde logrou a medalla de bronce, en tres Copas de Europa e en catro Westathletic, onde logrou sempre a segunda praza. Os seus 81,80 metros de 1975 colocárono 42º no ránking mundial daquel ano (33º europeo).

Tallón iniciouse no atletismo en 1965 da man de Gregorio Pérez Rivera, entón Presidente da Federación Lucense de Atletismo; ese ano participou nuns Xogos Escolares e acabou o ano cunha marca de 46,68, e ao ano seguinte chegaba até os 65,14 metros.

Mellor atleta do Estado

En 1970 lanzou 78,04 metros e albiscaba a barreira dos 80 metros, mais en 1972 unha grave lesión nas costas lastrouno. O 7 de novembro de 1975, durante un control RFEA no Estadio Vallehermoso de Madrid, conseguía a súa plusmarca de 81,80 metros, que  superaba os 80,08 metros que lograra dous anos antes na pista do INEF de Madrid Gonzalo Juliani. En 1970 recibiu a copa Barón Güell ao mellor atleta do Estado. 

Comentarios