Un erro arbitral impide que o Celta reteña un punto en Balaídos

O Celta enléase a vida máis da conta após sumar unha nova derrota en Balaídos, 0-1, perante un presumíbel rival na loita por conservar a categoría.

Celta-Elche
photo_camera Un lance do Celta-Elche


Comeza a haber certo ruxe ruxe en Balaídos sobre Luis Enrique. O ex da Roma é o treinador acaído para unha equipa que debe ter a continuidade como principal obxectivo? Esa é a pergunta que se fan hoxe as bancadas celestes. Os últimos resultados (a inapelábel derrota en Getafe, este esvarón contra o Elche) tampouco axudan excesivamente. O único que rema a favor do treinador formado como tal en Can Barça é que isto aínda está comezando.

O xogo foi frenético na primeira metade, con constantes idas e vindas e múltiples alternativas no xogo. O Celta tivo as súas opcións, mais desta volta Charles non acertou á hora de embocar a bola no marco rival.

No segundo acto, o Elche colocou o 0-1 no taboleiro de marcas nunha contra e a ansiedade adonouse do cadro local. O Celta envorcouse sobre a portería defendida por Manu Herrera, mais sen demasiada fortuna.

O ex da Roma é o treinador acaído para unha equipa que debe ter a continuidade como principal obxectivo? A pergunta circula xa polas bancadas

Até que no minuto 81 chegou o gol celeste, unha cabezada de Santi Mina, a pérola da Madroa que substituíra no minuto 65 a un Nolito que está a dar á equipa viguesa menos do que se agardaba. Tería sido o empate, do mal, o menos, un puntiño cando menos ía ficar na casa. Foi entón cando o árbitro Prieto Iglesias entrou en xogo e anulou o gol, de forma absolutamente inxusta.

Após a derrota, o Celta esvara cara á zona perigosa da táboa, con só 6 pontos após 7 xornadas. Un promedio de equipa condenada a pelexar pola permanencia até a última xornada. Era ben que Luis Enrique comezase a aterrar e a decatarse de cal é a realidade da súa equipa.

Celta: Yoel, Hugo Mallo, David Costas, Fontás, Toni, Oubiña, Álex López, Rafinha, Augusto (Krohn-Dehli, min.65), Nolito (Santi Mina, min.65) e Charles.

Elche: Manu Hererra, Damián, Lombán, Fidel, Botía, Albácar (Cisma, min.68), Rubén Pérez, Javi Márquez, Carles Gil (Mantecón, min.84), Manu del Moral (Boayke, min.74) e Coro.

Goles: 0-1, m.62: Javi Márquez

Árbitro: Prieto Iglesias, do comité navarro. Amonestou a Oubiña, Coro, Fidel

Campo: Estadio de Balaídos, 19.678 espectadores.

Máis en DEPORTES
Comentarios