Os equipos galegos piden tres puntos ao Apalpador

O fútbol de Segunda División, Primeira RFEF e Primeira Feminina di adeus até o ano 2023 cunha última xornada que trae consigo unha serie de partidos moi emocionantes para a afección galega, destacando o do Lugo contra o Granada, no que os albivermellos están obrigados a gañar para non rematar afundidos na táboa.
Os de Fran Justo queren despedir o exercicio dándolle unha máis que merecida alegría á afección do Ángel Carro. (Foto: LFP).
photo_camera Os de Fran Justo queren despedir o exercicio dándolle unha máis que merecida alegría á afección do Ángel Carro. (Foto: LFP).

Carbón ou puntos? Do bo desempeño dos distintos equipos da Galiza que entran en xogo esta fin de semana, e non do Apalpador, depende o que reciban Club Deportivo Lugo, Rácing de Ferrol, Pontevedra, Celta B e Deportivo masculino e feminino para despedir o ano 2022.

A escuadra albivermella precisa imperiosamente dun triunfo fronte ao Granada (Ángel Carro, hoxe, 16.15 horas) se non quere pasar o Nadal enteiro coa sensación de que a salvación é cada vez máis complicada.

O obxectivo do decano da Segunda División non será doado, pois o conxunto nazarí, tras un comezo irregular -cambio de adestrador incluído- xa colleu a directa e suma 13 puntos dos últimos 18 posíbeis, o mínimo que se espera dun dos grandes candidatos a subir á Primeira e do equipo con maior límite salarial (29,1 millóns de euros).

Porén, e afortunadamente para o Lugo, o Granada diminúe moito as súas prestacións lonxe dos Cármenes, unha debilidade á que, como sinalou en rolda de prensa o dianteiro Manu Barreiro, tratarán de asirse na Cidade da Muralla para fechar 2022 co premio dos tres puntos e así afrontar con optimismo 2023.

Rácing-Alcorcón, duelo no cumio da Primeira RFEF

Na terceira categoría, o duelo con máis transcendencia é o que disputan hoxe ás 19 horas na Malata Rácing de Ferrol e Alcorcón, cuarto e segundo clasificado, respectivamente.

Os Diaños Verdes queren enxugar o mal sabor de boca da derrota a pasada xornada no derbi ante o Deportivo cun triunfo co que adiantarían a escuadra do sur da capital do Estado e, dependendo do resultado do Real Madrid B-Fuenlabrada, poderían incluso instalarse no segundo posto dunha táboa clasificatoria na que o Deportivo é quinto cun punto menos que o Rácing.

Os xogadores branquiazuis teñen un compromiso, teoricamente, moi doado contra o Atlético Ceuta (Alfonso Murube, mañá, 12 horas) , indiscutíbel fechacancelas da categoría logo de sumar só sete puntos en 16 partidos. Porén, Raúl García Carnero non quere vender a pel do xabaril antes de cazalo, que diría o inmortal Astérix: "Contra nós os rivais sempre ofrecen un plus máis, será un partido complexo, como o están sendo todos".

Tamén serán moi complicados para os intereses galegos o Alxeciras-Pontevedra (Novo Mirador, mañá, 12 horas) e o Unionistas-Celta B (Raíña Sofía, mañá, 12 horas). Os da Cidade do Lérez, que fóra de Pasarón unicamente acumulan catro puntos, visitan o campo dun conxunto que destaca pola súa solidez sabendo que, de dar a sorpresa, poderían dar a benvida ao 2023 fóra duns postos de descenso dos que non se dan afastado. O filial celeste, pola súa parte, ten o anhelo de seguir recortando distancias cuns postos de play-off nos que rematou a tempada pasada pero dos que hoxe están a nove puntos.

Primeiro contra último no fútbol feminino

O flamante líder da segunda categoría do fútbol feminino estatal -denominada oficialmente Primeira Federación, cousas do fútbol-, o Real Club Deportivo da Coruña fecha unha primeira volta na que foi de menos a máis cun choque moi accesíbel sobre o papel, pois o seu rival será o Club Deportivo Juan Grande Ginelux das Palmas de Gran Canaria (hoxe, 19 horas), último clasificado, emulando o escenario que vive o Dépor masculino. Con todo, a súa adestradora, Irene Ferreras, foxe de todo triunfalismo e vaticina "un partido moi incómodo". "As xogadoras do Juan Grande son moi traballadoras, e teñen as súas bazas, especialmente nas transicións e xerando situacións ofensivas", razón pola cal advertiu ás súas futbolistas de que deben "estar mentalizadas da dificultade". 

Comentarios