O Ecorallye da Coruña entra no circuíto Bridgestone Cup

Será a antepenúltima proba do Mundial, organizado pola FIA.
Os vehículos eléctricos e híbridos son os protagonistas. (Foto: Escudería Coruña).
photo_camera Os vehículos eléctricos e híbridos son os protagonistas. (Foto: Escudería Coruña).

O Ecorallye da Coruña, un certame no que non se premia a velocidade, senón a regularidade e os baixos consumos dos vehículos e que reúne cada ano na comarca herculina máis de 20 vehículos entre híbridos puros, híbridos enchufábeis e eléctricos puros, dá agora "un salto cualitativo" dentro do panorama competitivo tanto a nivel estatal como internacional.

"Despois de sete edicións nas que a carreira gañou o recoñecemento de todos os estamentos automobilísticos pola súa competencia e bo facer", destacan desde a organización", no día de onte o Consello Mundial da Federación Internacional de Automobilismo (FIA) confirmou que no próximo ano 2024 o Ecorrallye -que ten detrás á Escudería Coruña- pasará a formar parte da Copa do mundo de Enerxías Alternativas, a Bridgestone Cup, puntuando "de pleno dereito" para a mesma.

As datas escollidas para o desenvolvemento da proba na vindeira tempada estarán a mediados do mes de setembro, concretamente nos días 19, 20, 21 e 22, "o que significará a chegada á cidade da Coruña dun evento Internacional que, á súa vez, repercutirá no paso por un amplo abano de Concellos de toda a comarca debido á quilometraxe mínima a realizar polos participantes, e que terá que adaptarse aos estándares esixidos para compromisos deste nivel pola propia Federación Internacional de Automobilismo", salientou a organización nun comunicado.

Aínda que é "cedo" para fixar estruturas e composición da carreira, o que si é seguro, segundo a Escudería Coruña, é que o programa incluirá "dúas etapas diferenciadas ao longo da sexta feira e do sábado", nas que os principais equipos internacionais e estatais, disputaranse o poder subir ao máis alto do podio desta oitava edición do Ecorally da Coruña.  

A herculina será unha das citas con máis transcendencia dun calendario competitivo que comezará o 25 de xaneiro no Östersund Winter Eco Rally de Suecia, iniciando un periplo que continuará en febreiro no País Valenciano, en marzo en Eslovaquia e a República Checa, en abril con dúas probas en Portugal, en maio en Bélxica e en xuño en Islandia e Suíza. Logo do Eco Rallye da Coruña, penúltima cita da Bridgostene Cup, o Mundial viaxará até o Principado de Mónaco, baixando o pano en novembro en Italia.

Comentarios