As dornas toman as augas das Rías Baixas

Portonovo abre a Copa Mörling, o Campionato Galego de dornas a vela
A XIII Regata do Sepelo será o primeiro circuíto dos cinco que conforman un certame que despois se desprazará até Cambados. (Foto: Asociación A Torre).
photo_camera A XIII Regata do Sepelo será o primeiro circuíto dos cinco que conforman un certame que despois se desprazará até Cambados. (Foto: Asociación A Torre).

Staffan Mörling deixou este mundo en maio de 2020, no peor momento da pandemia da Covid-19. Fillo adoptivo de Bueu, levaba afincado na Galiza desde mediados dos 60, cando quedou fascinado con esta terra nunha visita para estudar as embarcacións tradicionais galegas. 

Agora, pouco máis de dous anos despois do seu pasamento, o antropólogo e etnólogo sueco recibe unha sentida homenaxe por parte do mundo desas dornas que, nas súas propias palabras, o "electrizaron" cando as viu por primeira vez en acción hai máis de 60 anos. 

Promovido pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), a entidade rebautizou co nome de Copa Mörling o extinto Campionato Galego de dornas a Vela. A primeira parada do certame será tan cedo como este sábado 18 de xuño nas augas das Rías Baixas, e máis concretamente en Portonovo. A XIII Regata do Sepelo -organizada pola Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo- será o primeiro circuíto dos cinco que conforman a Copa Mörling, que despois se desprazará até Cambados (2 de xullo), O Grove (30 de xullo), a Illa de Arousa (6 de agosto) e Combarro (27 de agosto).

Un evento "aberto a toda a cidadanía"

Alejandro Piñeiro, vicepresidente da asociación organizadora, anima á cidadanía a participar "por mar ou por terra" nun certame que partirá desde o peirao de Portonovo ás 16 horas. 

As dornas farán un primeiro largo dirección á baliza situada nas proximidades de Punta Cabicastro, para continuar, navegación a través, até a boia que estará colocada no medio da ría. Por último, as embarcacións terán que volver ao peirao. Este percorrido de arredor de tres millas deberán facelo dúas veces as -estimadamente- 30 dornas participantes.

Pola súa parte, o secretario de Culturmar, Daniel García, destaca o feito de que o campionato comece "a escasas millas de Ons, lugar emblemático para o homenaxeado Staffan Mörling, onde viviu durante moitos anos". García tamén quixo agradecer a implicación de todos os concellos nos que se levarán a cabo regatas, así como da Deputación de Pontevedra e a Consellería do Mar.

Traíñas no porto de Sanxenxo

Un total de 600 participantes estruturados en 29 equipos diferentes tanto da categoría feminina como da masculina daranse cita o mesmo día que a Copa Mörling -sábado 18 de xuño- no Porto Náutico de Sanxenxo para a inauguración do Trofeo Xunta da Galiza 2022.

Esta proba, denominada I Bandeira Concello de Sanxenxo,  supón a primeira parada dun evento que se estenderá durante todo o verán até a súa finalización, prevista para a fin de semana do 27 de agosto na Coruña, coa histórica Bandeira Teresa Herrera.

Segundo deron a coñecer desde a Liga Galega de Traiñeiras, a I Bandeira de Sanxenxo comezará ás 17 horas da tarde, e logo da súa finalización, arredor das 20 horas, levarán a cabo a presentación oficial da nova tempada de competición, dando a coñecer os nomes "de todos e cada un dos remeiros e remeiras que disputarán ao longo deste verán o Trofeo Xunta da Galiza".

Ademais da de Sanxenxo ou a Teresa Herrera, destacan no calendario outras regatas como a XXXII Bandeira Concello de Cangas ou a XXXVIII Bandeira Concello do Grove. 

Comentarios