As pistas de atletismo de Balaídos, sumidas no abandono no medio dun conflito PP-PSOE

Resulta difícil de comprender como é posíbel que, para practicar o atletismo, as deportistas dunha cidade como Vigo teñan que ir adestrar a Ourense ou mesmo ao norte de Portugal, pero ese escenario é absolutamente cotiá para un bo número de atletas a causa do abandono que padecen desde hai anos as pistas de Balaídos. 
foto grande
photo_camera Fotografía do atleta e adestrador David Gómez na que se pode ver o estado no que quedan as instalacións cando chove.

A acción do tempo é un axente inconmensurábel que nos afecta a todos e a todas. Que llo pregunten senón ao austríaco Arnold Schwarzenegger, que a día de hoxe é un ancián de 73 anos, pero que en 1982 lucía en Conan o bárbaro un dos físicos máis impresionantes que endexamais se viu na historia do cinema.

Unha cousa parecida pasa coas pistas de atletismo de Balaídos, inauguradas pouco antes de que as aventuras do universal cimmerio chegasen á gran pantalla, pois se ben daquela eran "boas" -como recorda Xabier Alonso Pérez, que foi atleta e concelleiro de Deportes polo BNG en Vigo entre 2007 e 2011-, hoxe atópanse nunha situación "indigna".

E cunha infraestrutura non tería por que ser así, pois a diferenza do que acontece co corpo humano -que está abocado a volver á terra da que procede por moitos bifidus activos que se consuman ou cirurxías á que se someta para tratar de evitar o inevitábel-, tan só son necesarios interese e un axeitado mantemento que eviten a súa degradación. Algo que, como resulta, evidente en Balaídos, parece demasiado pedir.

Por suposto, as vítimas son as e os centos de deportistas que practican o atletismo na cidade olívica,  unha das que máis olímpicos deu a nivel europeo, con nomes  da relevancia do maratoniano Carlos Pérez, Julia Vaquero, Estela Estévez, Álvarez Salgado, Alejandro Gómez, Gayoso Rivas... Todas elas, e moitas máis, locen desde hai máis de dez anos na porta dunhas instalacións que permanecen ancoradas no tempo mentres son suxeito de enfrontamento entre Xunta e Concello de Vigo desde o regreso do Partido Popular a San Caetano no ano 2009, cando decide rexeitar un convenio asinado polo Bipartito para levar a cabo unha reforma integral.

A loita dun atleta

David Gómez Martínez é un decatoliano vigués que chegou a participar nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004 e Beijing 2008. Desde a súa retirada dedícase a adestrar deportistas, e nos últimos tempos tornou nunha das caras visíbeis da loita por conseguir unhas instalacións dignas, o que o levou a abandonar o Celta a finais de novembro pasado porque as súas críticas ao Goberno municipal "repercutían negativamente no clube".

Segundo explica, o día a día de Balaídos "non parou de empeorar" desde que no ano 2015 a Federación Galega de Atletismo lle entregara as chaves ao Concello. "Se antes estabamos mal, desde aquela todo foi a peor, porque foron moito máis restritivos con respecto aos horarios e o mantemento volveuse moito máis deficiente", engade.

Gómez confesa "non entender" a razón do maltrato ao atletismo en Vigo, e afirma sentirse "no medio dunha batalla Concello-Xunta na que as pistas son empregadas como arma". 

Sobre este asunto, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recoñece en exclusiva para Nós Diario que as pistas "non están como deben", e di que desde o seu departamento "podemos facer e faremos" por amañar un asunto do que responsabiliza a Abel Caballero. "Escribinlle varias cartas ao alcalde para buscar solucións e non houbo resposta", apostila.

O inferno de adestrar ao aire libre nunha cidade na que chove 165 días ao ano

En Vigo chove. E moito. Iso significa que, ante a ausencia de instalacións baixo teito para practicar o atletismo na cidade olívica, ás deportistas non lles queda outra que mollarse. Amais, o lamentábel estado das pistas de Balaídos producen frecuentes inundacións que en non poucas ocasións impiden a práctica deportiva. Iso está a provocar un éxodo de atletas desde a cidade olívica até o norte de Portugal e a cidade de Ourense, que a falta dunha conta con dúas instalacións, unha delas -Expourense- recoñecida como a mellor do Estado. Mais o peor non é iso, senón algunhas situacións que mesmo poden pór en risco vidas humanas, como revela David Gómez, que explica que "o desfibrilador chegou a estar baixo chave e tivemos que ameazar con denunciar por se pasaba algo". 

Comentarios