Fútbol

A PREVIA | Todo sobre a xornada en Primeira, Segunda e Primeira Federación

De todo e para todos e todas. A xornada futbolística galega trae consigo o regreso do Celta e do Deportivo feminino logo da parada das seleccións, un gran derbi galego entre Lugo e Arenteiro na Primeira Federación, o soño do liderado do Celta Fortuna e o asalto aos ceos da Segunda dun Racíng que visita a casa do líder da categoría.
A última vitoria do Celta de Vigo en territorio 'ché' foi en 2016, cando Guidetti e Hugo Mallo marcaron os goles dun triunfo por 0-2.  (Foto: Europa Press).
photo_camera A última vitoria do Celta de Vigo en territorio 'ché' foi en 2016, cando Guidetti e Hugo Mallo marcaron os goles dun triunfo por 0-2. (Foto: Europa Press).

Concluídos uns compromisos das seleccións nacionais nos que, afortunadamente para o Celta e a diferenza do acontecido con outras estrelas da Liga -como Vinicius, Gavi ou Camavinga- ningún xogador celeste resultou mancado, volve o fútbol de Primeira División.

Non obstante, o escenario onde a escuadra olívica aspira a fechar dunha vez por todas unha xeira de nove encontros e case tres meses sen vencer na competición da regularidade non podería ser peor, pois Mestalla, onde disputa os seus partidos como local o Valencia Club de Fútbol, non adoita ser propicio para os intereses do conxunto vigués.

De feito, desde o seu primeiro enfrontamento na cidade do Turia, o 14 de abril de 1940, o Celta só foi quen de gañar cinco veces en Mestalla, concretamente en 1949, 1951, 1982, 2002 e 2016, un triunfo este último do que non queda nin un só sobrevivinte entre o cadro de xogadores. 

A historia e a estatística, non obstante, non obsesiona un Rafa Benítez que recoñeceu que o choque de hoxe (16.15 horas) será "moi especial" para el, pois suporá o seu regreso á cidade onde conquistou dous títulos de Liga e unha Copa da UEFA. Tampouco se mostrou preocupado por unha arbitraxe que si quita o sono entre a afección, e máis logo dunhas declaracións do responsábel dos homes de negro, Medina Cantalejo, na que lonxe de recoñecer críticas e asumir erros atacaba con indirectas futbolistas celestes como Tapia ou Larsen. 

 Finalmente, e aínda que -como é habitual no preparador madrileño- non confirmou o once inicial polo que optará en Mestalla, Benítez deu pistas que fan pensar que podería formar con Vicente Guaita en portería -outro home que brillou no conxunto ché en tempadas anteriores-; Kevin, Starfelt, Unai Núñez e Ristic en defensa; Fran Beltrán, Luca De la Torre, Bamba e Mingueza no medio do campo; ocupando Iago Aspas e Strand Larsen na punta do ataque.

A 'Racingmanía' desafía o líder da Segunda División

Movendo o foco do único representante da Galiza na elite ao que leva o estandarte do país na categoría de prata, a Racingmania, rampante e orgullosa ante un extraordinario inicio de torneo que mesmo levou a que se debata sobre se a actual é o mellor Rácing de Ferrol de todos os tempos, chega ás aforas de Madrid para pór a proba o intratábel líder da Segunda, o Leganés (mañá, Butarque, 14 horas). 

Con seis puntos de vantaxe sobre o seu perseguidor máis inmediato e oito sobre uns Diaños Verdes que fechan os postos que dan acceso á disputa do play-off de ascenso á Primeira División, un golpe enriba da mesa en forma de triunfo quitaríalle de forma practicamente definitiva o título de cincenta ao Rácing para consolidalo como un equipo a ter en conta na zona nobre da táboa.

 'Home rico, home pobre'

Como naquela vella serie de televisión que pasaban pola TVG, Home rico, home pobre, o Deportivo feminino, que encabeza a táboa da Primeira Federación feminina, defende a súa posición de privilexio mañá ante Alhama El Pozo (Guadalentín, 16.30 horas), mentres que os seus compañeiros do Dépor masculino, que son décimos a pesar do seu teórico favoritismo ao inicio da campaña, visitan Pamplona para desafíar o filial do Osasuna ás 20 horas de mañá no Tajonar.   

O Celta Fortuna, pola súa parte, opta a arrebatarlle o liderado á Cultural Leonesa vencendo unha Real Sociedade B á que só supera nun punto (mañá, Barreiro, 15.30 horas).

Finalmente, ás 19 horas de hoxe, Lugo e Arenteiro protagonizan no Ángel Carro o único derbi galego da xornada, nun compromiso que enfronta dous bloques nun gran momento de forma e que queren gañar para seguir medrando.

Comentarios