Descobre todos os detalles da xornada na Primeira, Segunda e Primeira Federación

Esta fin de semana volve o fútbol ás competicións da regularidade logo da Copa.
A escuadra ferrolá non sabe o que é a derrota desde que caera ante o Levante pola mínima (0-1) o pasado 16 de outubro.
 (Foto: LFP).
photo_camera A escuadra ferrolá non sabe o que é a derrota desde que caera ante o Levante pola mínima (0-1) o pasado 16 de outubro. (Foto: LFP).

Superada a segunda rolda da Copa do Rei, os representantes da Galiza na Primeira División, Segunda e Primeira Federación volven á cotiandade dunha Liga que apura as súas últimas datas antes da tradicional parada imposta pola festa do Nadal.

O Rácing de Ferrol -un dos tres galegos que estará o próximo 12 de decembro no bombo do sorteo da terceira fase do torneo do KO xunto co Celta e o Lugo- ten ante si unha oportunidade de ouro non só para consolidarse nos postos que dan dereito a disputar os play-off de ascenso á máxima categoría, senón a axexar un líder, o Leganés, do que foi verdugo na Copa.

Deste modo, e coa moral polas nube, os Diaños Verdes visitan o Alcoraz ás 21 horas do domingo para tratar de aproveitarse da crise de resultados dun Huesca confeccionado para cotas maiores -até 2021 militaba na Primeira-, pero que na actualidade pena polo fondo da clasificación, afundido na zona de descenso con só 16 puntos.

Para o técnico ferrolán, Cristóbal Parralo, a chave do éxito do seu equipo está na "competitividade" existente no seo do cadro de xogadores. "Quizais non temos nomes tan determinantes como outros, pero son bos, por iso os escollemos, humildes e coa capacidade de pór o seu xogo ao servizo do conxunto", engadiu o preparador cordobés.

Douvikas e dez máis

Se algunha conclusión debe sacar Rafa Benítez do sufrido triunfo sobre o Sestao na Copa é que o dianteiro grego Tasos Douvikas, autor dos dous goles celestes nas Llanas, debe contar  con máis minutos.

Até o de agora, o futbolista grego, que chegou a Vigo en verán co aval de ser o máximo realizador da Eredivisie neerlandesa, demostrou que ten, precisamente, o que o seu adestrador non se cansa de reclamar aos seus compañeiros nas roldas de prensa, "efectividade", como acreditan os seus catro tantos nos apenas 389 minutos nos que lle deu a oportunidade de participar.

Por todo iso, a afección olívica apoiou en masa (+94%) nunha enquisa lanzada onte no dixital de Nós Diario a opción de que o internacional heleno dea o salto á titularidade no choque que o Celta encara a próxima segunda feira, 11 de decembro (ás 21 horas no campo do Raio Vallecano). coa única meta de obter unha vitoria ligueira que se lle resiste desde o pasado 1 de setembro.

Cal será o Dépor que recibirá o Sestao?

O Real Club Deportivo da Coruña recibe ás 16 horas do domingo en Riazor, casualidades do fútbol, a vítima copeira do Celta, o Sestao. A cuestión está en saber que Dépor pisará o céspede do coliseo herculino, se o que derrotou o Barcelona B en Balaídos e puxo contra as cordas até o último segundo o Tenerife de Segunda División, ou ese bloque irregular e blando que deixou escapar puntos ante formacións teoricamente menores, como Tarazona ou Fuenlabrada.

Pola súa parte, outro equipo que destacou na Copa, o Lugo, sexto con 25 puntos na táboa clasificatoria, ten unha opción magnífica de introducirse na zona de play-off, pois ás 18 horas de mañá xoga no Ángel Carro contra o filial blaugurana, que é quinto con só un punto máis.

Ambos os contendentes terán un ollo posto no que aconteza no Celta Fortuna-Cultural Leonesa, segundo (29) contra primeiro (30), ás 20 horas o sábado nun escenario de excepción, Balaídos.

Finalmente, o Arenteiro fechará a xornada no fútbol da Primeira Federación masculina ás 20 horas do domingo no campo do Raio Maxadahonda de Madrid. 

A polo liderado na Primeira Federación Feminina

Na súa competición análoga feminina, o Deportivo volve despois da parada imposta polos compromisos das seleccións nacionais, e tan cedo como ás 12 horas da tarde do sábado en Abegondo ante o Athletic, coa aspiración de recuperar o liderado.

Comentarios