O Deportivo encara os cuartos da Copa Xuvenil

Visita o RCD Mallorca ás 19 horas da cuarta feira.
O técnico branquiazul é o lendario Manuel Pablo (á dereita). (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O técnico branquiazul é o lendario Manuel Pablo (á dereita). (Foto: RC Deportivo).

O ano 2024 está sendo xeneroso co Real Club Deportivo da Coruña, pois o primeiro equipo masculino vén de sumar a súa cuarta vitoria consecutiva e xa albisca o líder da categoría a só catro puntos, posición que defende con éxito semana tras semana o feminino na segunda categoría estatal.

Os rapaces do xuvenil, pola súa parte, tamén queren unirse á boa xeira de resultados da familia branquiazul logrando a clasificación para a Final Four da Copa do Rei Xuvenil. 

Para conseguilo deberán superar nos cuartos de final o Mallorca no campo Son Bibiloni, na Cidade Deportiva Antonio Asensio da capital balear, na cuarta feira a partir das 19 horas.

Configurada a partido único, un triunfo garantiríalle un posto entre os catro que pelexarán por facerse cun torneo que aínda non figura nas vitrinas da escuadra herculina, nin de ningún outro equipo galego, sendo o que quedou máis cerca de levantalo o Celta de Vigo na tempada 1964/65, caendo derrotado na finalísima co Athletic de Bilbao por 2 a 1.

A misión, tal e como sinalou na rolda de prensa previa ao encontro o preparador deportivista, o lendario Manuel Pablo, non será doada, mais ve os seus homes "animados e con ganas de que chegue" un partido no que ten claro que lles van esixir "defender ben".

Ademais, quitou ferro ao feito de xogar fóra en terreo balear: "Non penso que vaia condicionar, pois nós sempre intentamos soster a mesma idea, sendo agresivos na presión e buscando as ferramentas para facer dano ao contrario".

O fútbol universitario dos EUA, de 'pesca' na Galiza

O 20 de febreiro, un ano despois da última vez, o fútbol universitario dos Estados Unidos volve 'pescar' en territorio galego, pois responsábeis da Baker University de Kansas, a Lincoln University de Missouri ou a Francis Marion de Carolina do Sur estarán ese día sobre os campos da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias da cidade herculina para seguir de primeira man as evolucións dos aspirantes a futbolistas inscritos nunha actividade organizada pola axencia dun ex xogador do Dépor, Adrián López, 'Piscu'.

Os seleccionados obterán bolsas para estudar nos anteditos centros norteamericanos ao mesmo tempo que xogan nos seus equipos de fútbol.

Comentarios