O Arousa busca a revolución eliminando o Valencia

Comeza a segunda rolda da Copa do Rei de fútbol.
O encontro terá lugar ás 21 horas de hoxe na Lomba (Vilagarcía). (Foto: Arousa SC).
photo_camera O encontro terá lugar ás 21 horas de hoxe na Lomba (Vilagarcía). (Foto: Arousa SC).

Arranca hoxe a segunda xornada da Copa do Rei de fútbol masculino, e faino con catro partidos dos que o Arousa-Valencia é o único con interese para a afección galega.

O conxunto arlequinado recibirá os oito veces gañadores do torneo do KO na Lomba ás 21 horas coa intención de, canto menos, exhibir o nivel mostrado ante un Granada de Primeira División que tivo moitas dificultades para superar un bloque que actualmente ocupa o sexto posto na quinta categoría do fútbol estatal, a Terceira RFEF.

Esta segunda oportunidade que a Xustiza deportiva lle deu ao Arousa para continuar disputando a Copa do Rei -após eliminar administrativamente a escuadra andaluza por aliñación indebida- garante unha nova festa na Lomba, pero como non todos os días son Nadal, o Valencia tomará medidas para non repetir os erros do Granada Club de Fútbol.

"Temos que estar pendentes de todo, moi concentrados en todo o relativo ás fichas do filial e os cambios", sinalou na rolda de prensa previa ao encontro o preparador ché, Rubén, 'O Pipo', Baraja, que non quixo vender a pel do oso antes de cazalo a pesar da súa teórica superioridade, manifestando o seu "respecto" por unha Arousa Sociedade Cultural que llo vai poñer "complicado".

A UEFA crea unha nova competición feminina

O organismo reitor do deporte rei a nivel continental, a UEFA, revelou nun comunicado que creará unha nova competición, a Europa League.

Ademais, a entidade presidida polo polémico Aleksander Čeferin tamén fixo público que o número de equipos que participan na Women's Champions League medrará até 18 a partir da tempada 2024/25, pasando o formato a adoptar unha liguiña inicial -como acontece na súa versión masculina- seguidas por eliminatorias directas.

Volve a Copa de Vigo de Fútbol

Mañá, día 6 de decembro, terán lugar no Campo Federativo de Coia as finais da Copa Vigo de Fútbol tanto masculina como feminina. Esta última acabará nas vitrinas de quen saia vencedor do Valadares-Sárdoma que comezará ás 10.15 horas, mentres que o Santa Mariña e o Matamá pugnarán desde as 12.30 por ser o mellor de entre os homes nun torneo que alcanza a súa XC edición.  

Comentarios