Barbero e Morgado, novas fichaxes de Dépor e Lugo

Movementos nos equipos galegos da Primeira Federación.
O dianteiro andaluz vén ocupar o oco deixado por Quiles. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O dianteiro andaluz vén ocupar o oco deixado por Quiles. (Foto: RC Deportivo).

Os equipos galegos da Primeira Federación continúan co seu frenético ritmo de incorporacións, e nesta ocasión foron Real Club Deportivo da Coruña e Club Deportivo Lugo os que reforzaron as súas filas.

A escuadra herculina confirmou na xornada de onte a fichaxe de Iván Martínez González, máis coñecido como 'Barbero' -alcume herdado do seu pai, coñecido gardameta da década dos anos 90-, que vestirá de branquiazul durante as próximas dúas tempadas. 

Natural de Roquetas de Mar (Almería), tras dar os seus primeiros pasos no fútbol na súa Andalucía natal este potente dianteiro de 1,86 metros de altura chamou a atención de Osasuna, onde a pesar de desenvolver a maior parte da súa carreira no filial chegou a xogar seis partidos co primeiro equipo.

Agora, vítima da competencia na escuadra rojilla, chega a un Dépor coa complexa misión de encher o enorme oco deixado por Alberto Quiles, que anotou 34 tantos nas súas dúas campañas co Deportivo.

Pola súa parte, o Lugo oficializou a sinatura de César Morgado, defensa central catalán de ampla traxectoria na terceira categoría que con anterioridade vestira as camisetas de Córdoba, Mérida, Cultural Leonesa, Villanovense, Valencia B, Badaxoz e Sabadell, conxunto co que participou en 30 encontros durante a última tempada.

Para o seu novo técnico, Pedro Munitis, Morgado será "un xogador importante". "É forte por arriba, valente, ten perfil zurdo, capacidade de mando... ademais, pode darnos moito tamén a outros niveis, xa que teremos que complementar os activos que temos no equipo", engadiu o preparador cántabro.

A actualidade da Primeira Federación complétana o Celta Fortuna e o Arenteiro. A entidade do Carballiño, logo de chegar a un acordo co Concello, será a encargada de agora en diante da xestión do campo de Espiñedo. No referente ao filial celeste, a dirección deportiva do Celta revelou que disputará sete partidos amigábeis este verán.

Chóque entre o Rácing de Ferrol e o Vilalbés

O 'mono' de fútbol comeza a ser cada vez máis forte entre a afección, por iso son tan interesantes encontros como o que protagonizará o único galego na Segunda División, o Rácing, contra o seu homónimo de Vilalba ás 19 horas de hoxe.

Comentarios