A Xunta anuncia a constitución da Federación de Deportes Autóctonos

A institucionalización é unha demanda histórica da billarda
Estampa da última xornada no campo de Eirís, na Coruña (Foto: LNB).
photo_camera Estampa dunha xornada debillarda no campo de Eirís, na Coruña (Foto: LNB).

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe no CEIP Sobreira de Valadares nunha actividade do programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) sobre a BBC (bolos, billarda e chave).

Alí, o mandatario destacou a importancia dos deportes populares que son "parte da idiosincrasia da Galiza, e elemento fundamental da nosa cultura e da nosa tradición, polo que debemos promovelos entre os máis novos para que sigan convivindo connosco durante moitos anos máis".

Lete Lasa aproveitou a xornada, na que participaron, en quendas, medio centenar de rapaces e rapazas, para anunciar a recente constitución da nova Federación Galega de Deportes Autóctonos, creada tras o recoñecemento da billarda como modalidade deportiva oficial en territorio galego, o pasado mes de xuño de 2020.

De feito, a pasada quinta feira, 29 de abril, o Consello da Xunta autorizaba a sinatura da addenda ao convenio de colaboración coa Federación Galega de Chave -agora coñecida como Federación Galega de Deportes Autóctonos-, así como a modificación dos límites e das porcentaxes dos pagamentos anticipados, por importe de 10.000 euros.

Así, e en total, a nova Federación Galega de Deportes Autóctonos recibirá a tenor do convenio coa Xunta un total de 16.000 euros para as modalidades de chave e billarda.

A billarda logra así satisfacer unha vella demanda, o seu recoñecemento como deporte.

Até o de agora, eran asociacións e colectivos as que mantiveron con vida á billarda ou estornela, mais a partir de agora xa terán pleno dereito a acceder a apoios e axudas para adquirir materiais ou sufragar desprazamentos, así como para introducirse nas escolas, garantindo o futuro da modalidade creando unha nova xeración de xogadoras. 

Comentarios