As crianzas galegas achéganse ao deporte adaptado e inclusivo na Coruña

Enki organiza unhas xornadas con máis de 500 nenas e nenos.
O acto segue esta terza feira en Palexco. (Foto: ENKI)
photo_camera O acto segue esta terza feira en Palexco. (Foto: ENKI)

A Fundación Enki, organización sen ánimo de lucro dedicada a "promover o acceso e a participación no deporte de persoas con diversidade funcional desde un enfoque inclusivo", inaugurou esta segunda feira na Coruña, concretamente no Pazo de Exposicións e Congresos (Palexco), a I Xornada sobre Deporte Inclusivo, que organiza en colaboración co Goberno galego.

Nesta cita, 266 escolares de quinto e sexto curso de Primaria de centros educativos herculinos (Novo Mesoiro, Salgado Torres, José Cornide Saavedra, Manuel Murguía, Curros Enríquez), Oleiros (Luís Seoane) e Culleredo (Isaac Díaz Pardo) gozaron durante a mañá dunha sesión deportiva inclusiva a través de dinámicas de xogo.

Tamén coñeceron os equipos e deportes da comarca, probando vehículos e materiais adaptados como a handbike, o triciclo ou a cadeira joëlette, todo após rotar polas 10 estacións do plan 'Ponte no meu lugar'.

Xa na terza será a quenda doutros 245 nenos e nenas de  seis escolas para vivir de primeira man unha iniciativa que ten como obxectivo principal "sensibilizar os e as máis novas sobre a discapacidade e fomentar unha actitude inclusiva na sociedade".

Así o destacou durante a súa intervención no acto de inauguración o presidente da Fundación Enki, Ángel López, quen ademais de lembrar "a importancia do apoio dos entes públicos e privados para a visibilización dos deportes adaptados", durante a súa quenda de palabra dirixiuse ás case 300 crianzas que o escoitaban para pedirlles "empatía" e que pensen "nos demais" para lograr "seguir construíndo un futuro inclusivo".

Por outra parte, este tamén indicou que distintas localidades da Galiza recibirán ao longo do ano encontros similares ao que está a ter lugar na Coruña.

Comentarios