A Copa Galiza remata as primeiras xornadas con dominio dos portugueses

Betanzos e Ferrol protagonizaron o inicio da competición de ciclocrós da Copa Galiza. Tres dos catro triunfos do master-30 foron para ciclistas de Portugal. O Supermercados Froiz dumou dous triunfos na carreira feminina. 
Uxía Soto competindo na Copa Galiza en Ferrol (Foto: Federación Galega de Ciclismo).
photo_camera Uxía Soto competindo na Copa Galiza en Ferrol (Foto: Federación Galega de Ciclismo).

A Copa Galiza de Ciclocrós viviu as súas dúas primeiras xornadas en Betanzos e Ferrol. A chuvia endureceu o circuíto deseñado polo Club Esmelle, un trazado xa de por si exixente. O evento iniciouse coa carreira de promoción Infantil e continuou coas dos másters masculinas.

Os corredores chegados desde Portugal conseguiron tres dos catro triunfos por medio do máster-30, Augusto Midão, do máster-40, Rogerio Matos, e do máster-50, Antonio Sousa. A vitoria galega asinouna Antonio González nos máster-60. A competición cadete masculina, con Néstor Frías (Avanza-O Porriño) primeira deu paso ás dúas mangas principais.

Quenda feminina

O Supermercados Froiz dominou na carreira feminina e sumou dous triunfos. A júnior Aroa Otero abriu oco na primeira volta, consolidándose en cabeza mais unha avaría mecánica permitiulle á ponteareá Soto adiantala no treito final. A 50 segundos das xuvenís completou a tripla da formación a gañadora Sub-23, Laura Mira

Triunfo do líder

O elite Samuel González e o Sub-23 Ricardo Buba marcharon de inicio e por detrás estabelecíanse outras dúas parellas: Anxo Carril e Saúl López, aos que perseguían Rubén Deaño e David Fernández.

Nesta ocasión, Buba non resistiu o ritmo de González e o vigués puxo terra de por medio. A súa vantaxe aumentou aos poucos até selar o seu segundo triunfo consecutivo por 1 minuto e 19 segundos de vantaxe sobre o tamén elite Saúl López

As outras dúas prazas do top-5 absoluto corresponderon ao Sub-23 Anxo Carril, cuarto, e ao elite Rubén Deaño. Entre os juniors, estreou a súa conta de vitorias Martín Díaz.

Líderes das primeiras xornadas da Copa

Despois do intenso arranque da Copa Galiza, as quince camisolas de líderes pertencen a Raúl Puelles e Lorena Patiño en cadetes, Sarela Conde e Martín Díaz en juniors, Zaira Vila e Ricardo Buba en Sub-23, Eva Ortega e Samuel González en elites, Iria Nieto e Augusto Midao en máster-30, Paula Blanco e Rogerio Matos en máster-40, Isabel Castro e Antonio Sousa en máster-50 e Antonio González nos máster-60. 

A vindeira fin de semana este certame deportivo, coordinado pola Federación de Ciclismo Galego (FCG) e que esta campaña consta dun total de trece eventos, seguirá nunha única xornada que terá lugar o sábado en Santiago de Compostela. 

Comentarios