Fútbol

Conta atrás para o congreso 'O Camiño do Futgal 2024'

A cita arrancará na Coruña o 7 de xuño.
Gemma Mengual, subcampioa olímpica, impatirá unha palestra. (Foto: Europa Press).
photo_camera Gemma Mengual, subcampioa olímpica, impatirá unha palestra. (Foto: Europa Press).

Esta semana terá lugar a terceira edición do Congreso Internacional de Adestradores de Fútbol e Fútbol Sala, máis coñecido como 'O Camiño do Futgal', que nesta ocasión desenvolverase integramente na Coruña, concretamente no Pazo de Exposicións e Congresos (Palexco) entre os días 7 e 8 de xuño de 2024.

Organizado pola Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) en colaboración coa súa homóloga estatal, a Real Federación Española de Fútbol (RFEF), no evento reuniranse adestradores, seleccionadoras, psicólogas deportivas, ex xogadores de fútbol, coaches motivacionais, directores deportivos e relatores procedentes doutros deportes "con recoñecemento a nivel mundial" até conformar unha listaxe de máis de 20 profesionais tanto de dentro como de fóra da Galiza. 

Así, nomes tan populares como os de Julen Lopetegui -recentemente nomeado como técnico do West Ham da Premier League inglesa-, Jorge Valdano -campión do mundo como futbolista e da Liga como adestrador-, Montse Tomé -seleccionadora feminina estatal-, o 'Profe' Ortega, Fede Vidal, Pep Marí, Roberto Olabe, José Rojo Martín 'Pacheta' ou Sergio Navarro -director da canteira do Athletic Club de Bilbao- abordarán as metodoloxías que os e as levaron a alcanzar o éxito a nivel profesional, tanto na súa vertente técnica como táctica.

Estruturado en dúas xornadas formativas, 'O Camiño do Futgal' analizará a situación na que se atopan o fútbol e o fútbol sala na actualidade, intercambiando coñecementos, experiencias e difundindo "as mellores prácticas para continuar progresando nestes dous deportes que espertan paixóns", segundo destacaron desde a organización.

Ademais, o Comité Galego de Adestradores da RFGF quixo ir máis aló nesta terceira edición do congreso e apostou por introducir no programa do certame varios relatorios e mesas redondas nas que participarán profesionais de recoñecido prestixio procedentes doutras modalidades deportivas. Desta forma, figuras como Toni Nadal  -tío e adestrador do tenista Rafa Nadal- ou Gemma Mengual -gañadora de dúas medallas de prata olímpicas nos Xogos de Pequín 2008- tamén impartirán o seu maxisterio en Palexco, favorecendo así o "enriquecemento interdisciplinario".

Máis en DEPORTES
Comentarios