O Concello de Bueu recupera a súa Gala do Deporte seis anos despois

A pandemia provoca o regreso dun evento histórico
Ricado Verde, concelleiro de Deportes de Bueu. (Foto: BNG).
photo_camera Ricado Verde, concelleiro de Deportes de Bueu. (Foto: BNG).

O Concello de Bueu levará a cabo este sábado a histórica Gala do Deporte, un acto que servirá para homenaxear aos e ás deportistas da vila, así como aos clubs e entidades que traballan nas diversas disciplinas do sector. 

Este evento, que se recupera despois de seis anos, terá lugar no Centro Social do Mar a partir das 20 horas da tarde, e no mesmo repartiranse un total de dez premios: mellor deportista de base masculino e feminina; mellor deportista absoluto masculino e feminina; mellor deportista promesa; mellor deportista veterano; mellor entidade deportiva; e mellor adestrador ou adestradora. 

Ademais, tamén se concederán dous premios extraordinarios, que recoñecerán a "excelencia deportiva" e a "dedicación de toda unha vida no deporte". 

A gala, que estará conducida polo presentador da Televisión da Galiza Fran Cañotas, contará coa música do grupo local Juyma Estévez Trío, así como coa presenza de representantes de clubs da vila, da Corporación Municipal e de amigos, amigas e familiares dos e das homenaxeadas.

Segundo apunta Ricardo Verde, concelleiro de Deportes, era "moi importante recuperar este evento xusto despois dun ano complexo atravesado pola pandemia e no que os clubs tiveron que facer grandes esforzos por continuar coas súas actividades".

Debido a isto, a gran novidade será que non se recoñecerán soamente os méritos da pasada tempada, senón que tamén se terán en conta tamén os de 2018 e 2019. 

Os gañadores e gañadoras daranse a coñecer na propia gala, logo de que cada club presentase as súas candidaturas para cada categoría.

Con eses datos, o Comité de Valoración, conformado polos catro grupos da Corporación, decidiu os galardoados e galardoadas, que recibirán un trofeo conmemorativo.

Comentarios