A Clásica de Pascua abre a Copa Galiza de Ciclismo

O certame consta de catro probas en 2024.
O GP do Porriño baixará o pano do torneo o próximo 16 de xuño. (Foto: RFEC).
photo_camera O GP do Porriño baixará o pano do torneo o próximo 16 de xuño. (Foto: RFEC).

As clásicas do calendario galego de estrada regresan na primavera. Así, serán catro as carreiras -todas elas puntuábeis para as táboas clasificatorias da Real Federación Española de Ciclismo- que formen neste 2024 o escenario da Copa Galiza Elite e Sub-23, un certame que arranca este sábado, día 6 de abril, e que baixará o pano a mediados de xuño.

O asturiano Sinuhé Fernández, agora profesional no Burgos BH, e o arousán Martín Rei foron os gañadores dos ránkings finais a pasada campaña, mentres que por equipos o Padronés-Cortizo dominou as dúas clasificacións da Copa.

Precisamente a escuadra con sede na comarca do Sar exercerá de anfitrioa na cita inaugural, a Clásica de Pascua, que celebra o seu 61 aniversario repartindo as dúas primeiras camisolas de líderes nun trazado de 131 quilómetros que comezará a percorrerse a partir das 13 horas.

As outras tres probas concéntranse xa no mes de xuño. Deste modo, o domingo 2 volve a Volta Ciclista ao Baixo Miño logo da súa estrea en 2023, unha carreira creada polo Club Ciclista Oiense que terá como epicentro a localidade da Guarda.

Menos de dúas semanas máis tarde, o sábado 15, a Copa Galiza desprazarase até o municipio de Betanzos para abrir unha intensísima programación competitiva que terá como o seu primeiro asalto a XXVIII Volta á Comarca Brigantina, organizada de novo polo Club ciclista Betanzos. 

Ao día seguinte, o domingo 16 de xuño, os corredores porán a proba os niveis de ácido láctico das súas pernas botándose unha vez máis ás estradas para dilucidar quen colle a remuda de Fernández e Rei no Gran Premio Concello do Porriño.   

 Volve a Marcha Sestelo-Clásica Álvaro Pino

O Condado, a Paradanta e Tui serán os escenarios polos que decorra este ano a Marcha Cicloturista Sestelo-Clásica Álvaro Pino, que nesta ocasión homenaxeará o ex ciclista Suso Carballido e contará co catro veces gañador da Vuelta Ciclista a España (2000, 2003, 2004 e 2005), Roberto Heras.

A organización confirmou que a data escollida para a súa disputa é o 26 de maio, e que a día de hoxe xa hai 250 persoas inscritas, aínda que as previsións apuntan a que serán 400 as que completen os dous itinerarios, un de 67 e outro de 123 quilómetros. 

Máis en DEPORTES
Comentarios