A cidade de Pontevedra torna na capital estatal do karate

O Campionato de España comeza mañá na Boa Vila.
A presentación tivo lugar esta cuarta feira na cidade do Lérez. (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera A presentación tivo lugar esta cuarta feira na cidade do Lérez. (Foto: Concello de Pontevedra).

Pontevedra vivirá unha intensísima fin de semana deportiva a causa da disputa na cidade do Lérez do Campionato de España das modalidades de Karate e Para-Karate nas súas categorías absolutas, certames ambos que terán como escenario principal o Pavillón Municipal dos Deportes. 

Así, desde tan cedo como o día de mañá, 5 de abril, e até o próximo domingo, a Boa Vila tornará no epicentro deste deporte de contacto a nivel estatal grazas a un evento que promete achegar até Pontevedra a varios centos de deportistas, pois as previsións falan de 400, entre as que se inclúen os e as vixentes campioas estatais, así como as últimas medallistas individuais nos Campionatos de Europa e do mundo absolutos. 

Presentado oficialmente nesta quinta feira, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, estivo acompañado no acto polo presidente da Federación Galega de Karate, Óscar Lafuente López; o seu homólogo da Federación Española de Karate, Antonio Moreno; e tamén polo secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galiza, José Ramón Lete.

Durante a súa intervención, o máximo mandatario da Federación Galega revelou que, ademais das competicións propiamente ditas, o sábado a partir das 18.30 horas terá lugar un "recoñecemento público ao equipo feminino que se proclamou campión no último Mundial".

Posteriormente, Lafuente López expresou o seu "agradecemento" a todas as Administracións Públicas implicadas neste campionato, destacando que este será xa o cuarto evento estatal de karate que se desenvolve en Pontevedra, un dato que, para Fernández Lores, é "un orgullo". "Seguiremos traballando para seguir traendo este tipo de citas, mesmo máis grandes na medida en que contemos con mellores instalacións deportivas", apostilou.

Comentarios