Ruth Lorenzo, karateka: "As artes marciais ensinan valores para a vida cotiá"

O karate leva acompañando Ruth Lorenzo (Compostela, 1991) desde que con só cinco anos entrou en contacto por vez primeira con esa arte marcial que desde entón non só encheu a súa casa de medallas e trofeos, como o Campionato de España, senón que lle ensinou valores como a perseveranza e a resiliencia.
WhatsApp Ruth Lorenzo, recibindo a medalla de bronce no último Estatal. (Foto: Nós Diario).
photo_camera WhatsApp Ruth Lorenzo, recibindo a medalla de bronce no último Estatal. (Foto: Nós Diario).

Vén vostede de lograr un bronce no Campionato de España, no seu quinto ano consecutivo sen baixar do podio, coa excepción do 2021, no que non puido competir a causa da Covid-19. Que sensacións tivo neste 2022 en contraste con outras edicións do Estatal?

Atopeime xenial. Cheguei alí coa seguridade de que podería ser campioa de España, e penso que se transmitiu aos combates, nos que tiña claro que ía gañar. Pelexei dunha forma moi ambiciosa, e iso torna en seguridade no tatami, tanta que a xente comentábame "desde o principio estás metendo moito ritmo nos combates, nótase que tes moita confianza no que vas facer...". Mágoa que finalmente non saíu todo tan ben como me gustaría, que era o ouro, pero si o tomo como un paso á fronte con respecto a outros anos, no sentido de saber cales son as miñas armas, as miñas fortalezas, e como usalas mellor. Iso é a experiencia.

Seguimos facendo memoria... como e cando foron as súas primeiras patadas no mundo do karate?

Comecei facendo karate na escola, como unha actividade extraescolar. Foi amor a primeira vista, porque alí ía a clases de xogos pre deportivos, que se facían nun pavillón que despois compartiamos coa xente do karate. Non sei que pasaría pola miña cabeza, porque tiña tan só cinco anos, pero o monitor díxolle aos meus pais que desde que comezara o karate nin miraba para el, así que me cambiaron... e até hoxe, toda unha vida.

Como inflúe o karate nesa vida súa, xa non na cotiá cos adestramentos, o esforzo, a presión... senón na súa forma de ser e andar pola mesma. É certo iso que din de que forxa a personalidade?

Eu penso que si. É certo que en non poucas ocasións se atribúen ás artes marciais unha serie de valores que penso que non son exclusivos delas, pois están moi relacionados co deporte e coa xente que se encarga da formación da persoa nese ámbito, no karate, no atletismo ou no deporte que sexa. Pero si que, cando unha comeza a ter obxectivos deportivos máis ambiciosos, as artes marciais axudan a entender que o que para alguén pode ser de cacholán, en realidade é perseveranza; que o non deixar de adestrar a pesar das derrotas é resiliencia; e iso acabas por levalo ao resto de ámbitos da túa vida, loitando todo o tempo do mundo polos obxectivos que queres conseguir e, no meu caso, todo iso vén do karate.  

A pesar da súa xuventude, forma vostede parte do equipo técnico da selección galega de karate, axudando as novas promesas do país. Como compatibiliza esa dupla vertente súa?

Ás veces é complicado. Nalgunha ocasión teño estado nun campionato como adestradora e ter que competir ao día seguinte, e en ocasións unha cousa interfire na outra. Por sorte, teño uns deportistas que son unha marabilla e non me teñen en conta algunhas cousas e apóianme en todo. Eu adestro e aprendo moito deles, estou en contacto permanente coa competición... é como facer un mestrado que me axuda en ambos os eidos, tamén a entender o que senten cando obteñen un éxito ou un fracaso, e como eu paso por iso eles tamén pensan "teño que crer no que me di Ruth, porque sabe do que está falando".

Cales son os seus obxectivos para o que resta de ano?

Dentro de dúas semanas estarei na Premier League de Porto, que é un campionato do Circuíto Mundial, e o obxectivo é conseguir unha medalla. Senón é aí será máis tarde en Rabat ou no Cairo. Ademais, tamén teño en mente o  Campionato de España Universitario, o de Clubes e conseguir un ouro no Estatal absoluto.

Comentarios