O Celta renovará radicalmente o seu Consello de Administración o 12 de decembro

Ricardo Barros, segundo máximo accionista, deixará a directiva tras 17 anos como vicepresidente.
Marián Mouriño, presidenta do Real Club Celta. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marián Mouriño, presidenta do Real Club Celta. (Foto: Nós Diario)

A Xunta Xeral de Accionistas que levará a cabo o Real Club Celta de Vigo o próximo 12 de decembro traerá consigo importantes cambios no seo da directiva celeste.  O máis importante, a substitución de Carlos Mouriño na presidencia pola súa filla Marián, xa é vox pópuli, pero non será o único.

Tamén é relevante o adeus, após 17 anos no cargo de vicepresidente -todos os que leva o patriarca dos Mouriño á fronte da entidade celeste- e por vontade propia, de Ricardo Barros, que segue así os pasos de Pedro Posada, Primitivo Ferro, María José Táboas, Carmen Avendaño, Fernando Rodilla e o resto do último Consello de Administración dirixido por Carlos Mouriño.

Coa marcha de Barros perde a súa representación na directiva o segundo máximo accionista do club, pois o empresario controla 2,9% das accións, a moita distancia do 70% que posúe o Grupo GES da familia Mouriño. 

Os nomes dos e das substitutas dos Barros, Rodilla e compañía aínda non son públicos, mais fontes do Celta indicaron que estará conformada por catro homes e tres mulleres, unha delas a nova presidenta. 

Recoñecemento a Aspas e premio para Douvikas

No eido estritamente futbolístico, o capitán e gran emblema olívico, Iago Aspas, formará parte da colección de Lendas da Liga de Fútbol Profesional após doar unhas botas que o seu museo oficial exhibirá xunto con recordos de outras estrelas históricas do torneo.

Pola súa parte, o seu compañeiro na dianteira celeste desde este verán, Tasos Douvikas, foi distinguido co premio a Mellor futbolista Grego no Estranxeiro na pasada campaña

Comentarios