Fútbol | 1ª División

CRÓNICA | O Celta perde puntos outra vez no último minuto

O empate contra o Cádiz deste domingo evidencia as dificultades que teñen os celestes para defender un marcador a favor.

Renato Tapia nunha xogada do partido (Foto: LaLiga).
photo_camera Renato Tapia, nunha xogada do partido. (Foto: LaLiga).

Repítese a historia e o Celta non é quen de gañar un partido co marcador a favor. O encontro deste domingo comezou ben para os de Benítez, cun gol de Iago Aspas no minuto 11 e outro de Swedberg no 58.

O Cádiz tentábao mais sen éxito durante a primeira parte e o comezo da segunda. Porén os avisos dos andaluces, que nesta ocasión vestían de azul, tiveron a súa recompensa no minuto 66 co tanto de Juanmi que puxo de novo ao Cádiz no partido.

O encontro volveuse basto e os nervios comezaron a ser os protagonistas. Algunhas accións non sancionadas polo árbitro madrileño Ortiz Arias causaron protestas, como a de Iago Aspas que rematou en cartón amarelo.

Os oito minutos de tempo engadido polo árbitro pasaron a ser dez. Foi o momento en que o Cádiz colocaba o empate no marcador, obra de Darwin Machís, nun choque que mesmo tivo un minuto máis de xogo. Con este resultado, o Celta complícase a vida no seu intento de afastarse dos postos de descenso.

Manexar a situación

O técnico do RC Celta, Rafa Benítez, atendeu aos medios de comunicación unha vez finalizado o partido. Durante a rolda de prensa recoñeceu que tras o 0-2 o seu equipo non foi capaz de manter a vantaxe “ante un equipo que fai presión, que ten loxicamente a súa ansiedade e faltounos manexar eses minutos finais”.

O adestrador celeste considera que “todos os equipos que estamos abaixo encaixamos moitos goles nos últimos minutos, que é normal”. Entende que “non é unha cuestión de bloqueo mental” senón “un problema de manexar esas situacións cun pouco máis de calma”.

Sobre o cartón amarelo a Aspas, polo que non poderá xogar o vindeiro partido, Benítez asegura que “o equipo ten recursos suficientes para gañar e gañar sen Iago. Evidentemente, perdemos un xogador moi importante, pero xa está”, conclúe.

Comentarios