O Celta acusa sobre o terreo de xogo a 'aspasdependencia'

Boa parte da afección celtista considera Iago Aspas o mellor xogador da súa historia, pero o Príncipe das Bateas non está a vivir o seu mellor momento, evidenciando a 'aspasdependencia' nun equipo no que outros xogadores destinados a suceder o dianteiro como líder e referente do colectivo aínda non deron o paso á fronte.
Desesperado. A falta de acerto cara ao gol está acompañando o veterano dianteiro esta tempada. (Foto: La Liga).
photo_camera A falta de acerto cara ao gol está acompañando o veterano dianteiro esta tempada. (Foto: La Liga).

O Real Club Celta de Vigo concluíu a novena xornada ligueira cunha nova derrota, a segunda consecutiva, nesta ocasión ante un dos equipos máis potentes da máxima categoría, o Sevilla Fútbol Club (0-1).

Non obstante, o máis preocupante do resultado non é sumar outro tropezo na casa, nin a perspectiva de que un ano máis o obxectivo dunha escuadra que parecía estar deseñada para cotas máis altas vaia ser loitar pola permanencia, non.

O que realmente debería alarmar á afección celeste é o estado de Iago Aspas, corazón e alma do conxunto vigués.

"Cando París esbirra, Europa arrefríase" era unha frase que se empregaba moito no século XIX para evidenciar o peso de Francia no continente e coa que non resulta complicado trazar unha analoxía co que está a acontecer co Príncipe das Bateas e o Real Club Celta.

Negado cara á portería contraria -acumula tan só dous tantos ligueiros, un deles materializado na primeira xornada, disputada a mediados do mes de agosto-, a pesar de que fisicamente non semella estar en malas condicións o propio Eduardo Coudet, técnico celeste, recoñeceu que o veterano dianteiro de 34 años non está no seu mellor momento: "É algo ao que non está afeito, pero temos que axudalo a que volva ao seu mellor nivel".

Con respecto ao encontro ante o Sevilla, no que a pesar da derrota o Celta non exhibiu unha mala imaxe -mesmo antes do tanto hispalense chegou a enviar un balón ao pau contrario-, o arxentino  afirmou que era "inxusto" non só perder, senón "tamén o empate".

Resiliencia albivermella

Xa na Segunda División, o Club Deportivo Lugo regresou de Burgos cun valioso punto (1-1) no que volveu exhibir o espírito de superación e resiliencia que o vén caracterizando ao longo desta tempada. Así, logo de encaixar un temperán gol no minuto 8, foi quen de sobreporse e lograr un empate da man de Carrillo, que suma xa tres tantos na Liga.

Boa data na Primeira RFEF

Na categoría de bronce o Deportivo retomou a senda da vitoria tres partidos despois ante o Sanse (1-0), mesmo resultado obtido polo Rácing de Ferrol na casa do fechacancelas Tudelano (0-1), mentres que o Celta B empatou ante o Raio Maxadahonda (1-1).

Comentarios