A Lei do Deporte supera con emendas o filtro do Senado

O texto abre timidamente a porta á oficialidade.
A Irmandiña podería chegar a competir en certas disciplinas. (Foto: Siareiros Galegos).
photo_camera A Irmandiña podería chegar a competir en certas disciplinas. (Foto: Siareiros Galegos)

A nova Lei do Deporte, que aspira a substituír un texto que data do ano 1990, superou un novo filtro, neste caso o do Senado. Despois desta aprobación, o único paso restante para que entre en vigor será a súa definitiva ratificación no Congreso dos Deputados.

O resultado final da votación foi de 133 votos a favor, 109 en contra e 20 abstencións. A Cámara Alta rexeitou maioritariamente a proposta de veto á Lei presentada por Vox (tres votos a favor, 153 en contra e 106 abstencións), pero si que aprobou 35 das 252 emendas remitidas polos grupos, razón que fai que o texto deba regresar a un Congreso onde foi aprobado o pasado 3 de novembro.

En concreto, o Pleno do Senado aprobou tres emendas de Más Madrid; catro de Compromís; unha de Asociación Socialista Gomera; sete de Junts; unha do PNV; tres de ERC; cinco do PP; catro do PSOE e sete emendas transaccionais entre varios grupos.

Ningunha delas afectou o elemento máis substancial deste proxecto de Lei do Deporte, o artigo 48.2 introducido por unha emenda do Partido Nacionalista Vasco no Congreso, que abre a porta á oficialidade das seleccións deportivas de territorios como Euskadi, Catalunya ou Galiza sempre que se dean determinadas condicións, como que "as federacións deportivas autonómicas foran creadas antes da correspondente federación española" ou se certa disciplina ten "raizame histórica e social na súa comunidade".

Nesta liña, o Senado deu o seu visto e prace a unha emenda do PNV que especifica que as federacións españolas non poderán cargar "cunha cota obrigatoria ás federacións deportivas autonómicas por integrarse nas respectivas federacións españolas e así poder participar en actividades ou competicións oficiais de ámbito estatal ou internacional, tal e como esixe a lei", algo que de estar obrigada a pagar podería deixar algunha federación autonomíca "en risco de desintegración".

Por suposto, PP e Vox consideraron este artigo da Lei como "un disparate xurídico", e acusaron o PSOE de servir "aos intereses dos delirios independentistas" e de pretender "romper España".

Consultado por Nós Diario, o BNG, que non conta a día de hoxe con representación no Senado, afirma que "estudará" as emendas que saíron da Cámara Alta ante de decidir o sentido do seu voto no Congreso.  

Comentarios