Cando regresará o mítico Gran Fondo do Ézaro?

A carreira terá como convidado de excepción a Alejandro Valverde.
O veteranísimo Alejandro Valverde, campión do mundo e da Vuelta a España, volve a territorio galego logo do seu triunfo no Gran Camiño de 2022.  (Foto: EP).
photo_camera O veteranísimo Alejandro Valverde, campión do mundo e da Vuelta a España, volve a territorio galego logo do seu triunfo no Gran Camiño de 2022. (Foto: EP).

Unha das probas ciclistas máis icónicas que cada ano teñen lugar en terras galegas é o Gran Fondo do Ézaro, un certame que protagonizará o seu regreso o vindeiro día 7 de xullo.

A edición de 2024 contará cun único trazado de 107 quilómetros, xa que, segundo a organización, "despois do cambio do 2023 apóstase por continuar con este formato da ruta, apta para todos os estados de forma, pois é o suficientemente longa para que gocen os e as participantes propias do Gran Fondo e, por outra parte, o suficientemente curta para que as deportistas habituais do Medio Fondo poidan afrontala sen excesiva dificultade". 

Grazas a esta dualidade, estiman a participación nunha cifra que estará entre as 1.200 e 1.500 corredoras e corredores, chegados desde todos os currunchos da Península Ibérica, e, ademais, de países tan diversos como Alemaña, Canadá, Chipre, Estados Unidos, Francia, Reino Unido ou o Brasil".

No referente ao seu percorrido, a proba partirá dos pés da fervenza do Ézaro, deslizándose a carón do mar en dirección Muros até chegar de volta ao cumio que dá nome ao evento, decorrendo así polos municipios de Carnota, Muros, Outes, Mazaricos, Cee e Dumbría. Neste último está situado o final, nas ramplas de formigón do Miradoiro do Ézaro, aínda que previamente os e as participantes deberán superar dous portos máis: o Alto de Arestiño (de primeira categoría) e o Alto da Ruña (de terceira).

Alejandro Valverde, convidado de excepción

O acto de presentación da carreira desenvolveuse nesta quinta feira en Santiago de Compostela, concretamente no Hostal dos Reis Católicos, intervindo, entre outros, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e os lendarios ciclistas retirados Álvaro Pino e Samuel Blanco.

Alí desvelouse que o nome que encabezará o cartel deste Gran Fondo Ézaro de 2024 será o do veterano Alejandro Valverde, gañador da Volta Ciclista á Galiza en 2022 e campión mundial e da Volta a España de 2009.

Comentarios