Baloncesto

A PREVIA | Breogán e Obradoiro afrontan un derbi galego con polémica

Conflito entre ambos clubs polas entradas visitantes.
Un momento do Obradoiro-Breogán da pasada tempada en Santiago. (Foto: Obradoiro CAB)
photo_camera Un momento do Obradoiro-Breogán da pasada tempada en Santiago. (Foto: Obradoiro CAB)

A máxima categoría do baloncesto estatal vive hoxe ás 20.45 horas unha xornada de vertixe, especialmente na Galiza co derbi de máis alto nivel no deporte da canastra na Galiza. O Río Breogán de Lugo acollerá no Pazo dos Deportes da cidade da muralla o Monbus Obradoiro compostelán nun encontro no cal xa impera a polémica mesmo antes de que o árbitro mande o balón ao ar.

A polémica ten a ver co reparto das entradas para o encontro, con ambos os conxuntos publicando a súa versión dos feitos nas súas contas das redes sociais. Os lugueses, locais hoxe, aseguran que "como cada temporada negociouse co Obradoiro o intercambio inicial dun número de entradas a prezo reducido". Un acordo que se fechou nun total de 150 entradas para os composteláns.

Non obstante, segundo o Breogán, o Obradoiro "comunicounos a súa intención de non se facer con estas entradas", polo que pasaron a "desbloquear estas entradas" para a venda ao público xeral. A isto, o conxunto da capital respondeu asegurando que "após facer a solicitude das entradas, non obtivemos resposta até varios días despois, polo que se nos ía facer difícil vendelas dada a escaseza de tempo".

Unha vitoria que vale ouro

Sexa como for, o que si se sabe é que os dous equipos se encontran nunha situación mellorábel na táboa, especialmente o Breogán, segundo pola cola, que porén, vén de conseguir unha épica vitoria ante o Bonn alemán. 97-92 tras a prórroga para continuar a histórica andaina por Europa dos de Veljko Mršić.

Os visitantes chegan por encima na táboa, unha vitoria separa ambos conxuntos. Porén, despois de dúas derrotas, os de Moncho Fernández queren volver probar o sabor da vitoria e achegarse ao Básquet Zaragoza, equipo que os supera na táboa cun partido gañado máis.

O Joventud Badalona contra o Real Madrid e o Valencia Básquet contra o Covirán Granada completan unha das últimas xornadas baloncestísticas do ano 2023.

Comentarios