O Breogán agarda o domingo o "efecto Pazo"

Os de Lugo recibirán ao Gran Canaria, terceiro na clasificación. En Compostela, o Obradoiro terá diante ao FC Barcelona, primeiro na clasificación.
Paco Olmos, adestrador do Breogán (CB Breogán).
photo_camera Paco Olmos, adestrador do Breogán (Foto: CB Breogán).

O Breogán xogará este sábado contra o Gran Canaria (18 horas), terceiro na clasificación e rival directo dos de Lugo. Paco Olmos contará con todos os xogadores dispoñíbeis para o encontro, "algo moi importante para poder afrontar o partido" segundo o adestrador.

Olmos asegura que "pasaron páxina" dos acontecementos posteriores ao partido da semana pasada e centráronse "no equipazo" que lles visita esta fin de semana.

"O Gran Canaria conseguiu ser polivalente" onde "poden xogar bases con bases dando moita intensidade en todo o partido"  e que "xoga a bo ritmo".

O equipo canario vén de gañar ao Zaragoza e ao Real Madrid mais o Breo "buscará a vitoria, obrigarémonos a competir", en palabras do seu adestrador. Para que aconteza, Olmos apela "ao factor Pazo e á comunión que hai entre o equipo e a afección".

O responsábel técnico do equipo lugués recoñeceu que terán diante "un equipo de moita altura" polo que controlar "as situacións de rebote será fundamental".

Obra quere recuperarse diante o Barça

O Obradoiro quere recuperar o seu estado de forma e pensa facelo este domingo (12.20 horas, Multiusos do Sar) diante do líder na clasificación, o FC Barcelona. O técnico obradoirista,

Moncho Fernández, definiu en rolda de prensa ao seu próximo rival como "un equipo moi bo no aspecto defensivo, combinando diferentes estratexias, algunhas delas novas. Ofensivamente teñen moi claro o ritmo de xogo e os obxectivos en cada situación". 

En todo caso salienta que o equipo adestrou "ben, coa ilusión de xogar un partido tan grande, fronte a un dos equipos máis en forma da liga e do panorama europeo". Este tipo de partidos, asegurou, "é o que fai grande a participación do Obra na liga Endesa, xogar contra estes transatlánticos". 

Comentarios