Breogán e Obra protagonizan a final da XXXV Copa Galiza

Ferrol acollerá o choque o vindeiro 28 de agosto.
O Obra empregará a lingua nas súas redes sociais. (Foto: Monbus Obradoiro).
photo_camera O duelo será un aperitivo do derbi que disputarán na Liga ACB. (Foto: Monbus Obradoiro).

A Copa Galiza de Baloncesto Masculino regresa no vindeiro mes de agosto, e faino cun formato moi especial que inclúe a disputa dunha final de auténtica categoría ACB que se desenvolverá o día 28 ás 19 horas no pavillón da Malata.

Deste modo, Monbus Obradoiro e Leite Río Río Breogán converteranse nos primeiros protagonistas desta XXXV edición da Copa Galiza, competición que volve tras a súa suspensión na pasada tempada, e que nesta ocasión dispútase baixo a organización do Concello de Ferrol, o Club Baloncesto Irmandiños e Asociación Alcer Coruña, outorgándolle ademais unha importante motivación solidaria.

Campaña "doar órganos é salvar vidas"

A Copa Galiza máis ACB unirase simbolicamente á Asociación Alcer Coruña na súa loita contra as enfermidades de ril, así como no seu obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade renal e a das súas familiares.

Por iso, os beneficios da venda de boletos desta XXXV Copa Galiza destinarase a facilitar este traballo de Alcer Coruña, "reforzando así o seu labor de atención, asesoramento e intervención con persoas con enfermidade renal, e axudando á sensibilización da cidadanía sobre a doazón de órganos e hábitos de vida saudábeis".

Non obstante, a venta de boletos aínda está condicionada á evolución da situación sanitaria, polo que desde a organización afirman que "toda a información relativa á súa venda e á capacidade autorizada coñecerase ao longo do mes de agosto".

Por outra banda, este encontro entre os dous representantes galegos na máxima categoría do baloncesto estatal será tan só unha parte da programación da XXXV Copa Galiza, pois en setembro disputarase unha nova final, neste caso correspondente á categoría LEB, na que en data e sede aínda por confirmar se enfrontarán Leyma Básquet Coruña e Club Ourense Baloncesto.

Precisamente, a escuadra da Cidade das Burgas vén de comunicar a fichaxe do escolta catalán Ferrán Ventura. Formado nas categorías inferiores do Joventut de Batalona, chega a Ourense tras o seu paso polo FC Porto e o Cáceres Patrimonio de la Humanidad, onde fixo de media 6,5 puntos e 1,2 asistencias por partido na pasada campaña.

Comentarios