Obradoiro e Breogán abren a ACB contra Tenerife e Unicaja Málaga

Rivais de alto nivel para os representantes galegos.
O Breogán, a saír da zona baixa (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera O Breogán volve á máxima categoría logo do ascenso do pasado verán (Foto: Leite Río Breogán).

A Liga ACB, máxima categoría do baloncesto Estatal -agora tamén coñecida por razóns comerciais como Liga Endesa- conta con dous galegos entre os seus 18 integrantes, logo do ascenso logrado polo Leite Río Breogán a pasada campaña, que se une así a un Monbús Obradoiro que disputará a súa décima tempada consecutiva na elite. 

O primeiro en saltar ás pistas será o conxunto lucense, pois abrirá a xornada ás 18 horas da tarde deste sábado ante o Lenovo Tenerife nun choque que se desenvolverá no Pazo.

O rival non é en absoluto doado, pois como destacou o técnico do Breogán, Paco Olmos, "o Tenerife ten un dos cinco mellores cadros de xogadores da Liga". 

Con todo, e recoñecendo que os canarios "son superiores" a todas as escuadras coas que se prepararon durante este verán, o adestrador valenciano -que se estreará oficialmente logo de substituír no cargo Diego Epifanio, o heroe do ascenso- agarda que a "ilusión" e o factor diferencial que poidan representar as preto de 2.000 persoas que se congreguen no Pazo representen senllas "armas secretas" que poidan decantar ao seu favor unha balanza que aparentemente parece demasiado inclinada do lado do Lenovo Tenerife.

Dura visita do Obradoiro ao Martín Carpena

Un escenario non menos complicado que o do Breogán afrontará o Monbus Obradoiro xa o domingo -ás 20 horas da tarde- no Martín Carpena de Málaga ante un Unicaja que tamén é outro dos equipos destinados a finalizar a competición instalado na zona nobre.

Tanto é así que o galego do Unicaja, Alberto Díaz, sinalou que aspiran a rematar "quintos ou sextos", polo que será vital que superen un Obradoiro que tratará de comezar con bo pé un proxecto con moitas caras novas.

Comentarios