Breogán e Obradoiro aspiran a un novo cara a cara na final do EncestaRías ACB

Presentado en Vilagarcía o torneo que se disputa esta fin de semana.
encestarias_acb_xunta1
photo_camera Siña Abeijón, na presentación desta terza feira, é madriña do torneo deste ano (Foto: Nós Diario)

Breogán-Joventut e Obradoiro-Unicaja. Son os dous partidos de semifinais na primeira xornada do sexto Torneo EncestaRías ACB que esta fin de semana se disputa en Vilagarcía de Arousa. A competición regresa despois dun ano de parón como consecuencia da pandemia da Covid-19.

Esta terza feira, 7 de setembro, foi presentada oficialmente na localidade arousá, nun acto presidido polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, ex xogador nos seus inicios do Breogán e xa ao final da súa carreira deportiva, do Obradoiro. 

Lete fixo referencia a esta experiencia do pasado durante a súa intervención, en que considerou que tanto o lucense como o compostelán son "dous dos mellores equipos galegos". Tamén fixo referencia á primeira Copa Galiza, disputada en 1986 por Breogán e Obradoiro, choque que se volveu repetir o pasado 28 de agosto en Ferrol. O conxunto celeste, o máis laureado da competición, gañou na primeira edición (70-67) e volveuse impor este ano (82-76).

De venceren os seus respectivos partidos, volveríanse ver as caras na final do Torneo EncestaRías ACB, "un dos máis importantes do verán", en palabras de Lete. Mais primeiro, na sexta feira, o Breogán deberá superar o conxunto catalán do Joventut de Badalona (19 horas), e o Obradoiro, ao andaluz do Unicaja de Málaga (21.15). O sábado será xornada de descanso, e o domingo  disputaranse o terceiro e cuarto posto (10.45 horas) e a final (13 horas).

Siña Abeijón, histórica xogadora do Cortegada, foi designada madriña do evento. Por outra banda, o representante gobernamental anunciou que a Xunta colaborará co Concello de Vilagarcía na reforma e mellora do pavillón de Fontecarmoa, escenario un a no máis do EncestaRías.

Presentación Liga ACB

Ademais, tamén na xornada da terza feira se fixo a presentación oficial da Liga ACB, na sede de Endesa en Madrid, coa presenza de representantes dos 18 clubs participantes nesta tempada 2021-22. Polo Obradoiro estivo o seu veterano xogador Albert Oliver, e polo Breogán, Sergi Quintela.

Tamén participaron Pierre Oriola (Barça), Adam Hanga (Real Madrid), Fran Guerra (Lenovo Tenerife), Jasiel Rivero (Valencia Basket), Tadas Sedekerskis (Baskonia), Vitor Benite (San Pablo Burgos), Guillem Vives (Joventut), Dylan Ennis (Gran Canaria), Babatunde Olumuyiwa (MoraBanc Andorra), Rafa Martínez (Manresa), Darío Brizuela (Unicaja), Augusto Lima (UCAM Murcia), Dino Radoncic (Casademont Zaragoza), Osas Ehigiator (Fuenlabrada), Pepe Pozas (Real Betis) e Ángel Delgado (Bilbao Basket). 

Comentarios