O BNG inquire polo custo total do partido da selección española en Riazor
Francisco Jorquera, voceiro do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na Coruña, rexistrou esta terza feira unha pregunta por escrito para que o Concello faga público o custo para as arcas municipais do partido da selección española masculina de fútbol no estadio de Riazor, que decorrerá o vindeiro 29 de marzo.
O portavoz nacionalista reclama que o Goberno local que encabeza Inés Rei, do Partido dos Socialistas de Galicia, debulle as xestións “para procurar parceiros privados ou públicos que permitan amortecer o impacto para a Facenda local”.
Nesa liña, reitera a importancia de ser conscientes do choque para as arcas públicas que poden supor os 360.000 euros que custa a organización do evento, só en concepto de canon.
Ademais, incide Jorquera, no que atinxe ao partido amigábel contra Islandia “hai outros gastos adicionais non determinados que o BNG demanda agora que se cuantifiquen”.
Outro dos aspectos que aborda a pregunta ao Concello é coñecer “que retorno en termos económicos e de promoción da cidade” contan con obter.
Un dos maiores investimentos municipais no sector deportivo
Asemade, Jorquera arremeteu contra a metodoloxía estabelecida nesta clase de certames deportivos, cuestionando se é normal que o total dos ingresos que se recaden sexan integramente para a Federación Española de Fútbol.
Ao tempo, a pregunta rexistrada subliña que todo indica que “este vai ser un dos maiores investimentos do Concello no que levamos de mandato en materia deportiva”, a pesar de que os cartos non provirán de maneira formal do Servizo Municipal de Deportes, senón que estarán a cargo dunha partida da Alcaldía.