A selección española alcanza os cuartos

Supera Croacia (5-3) nun agónico partido que foi até os 120 minutos.
 
O sempre criticado Morata anotou o primeiro tanto na prórroga do combinado dirixido por Luis Enrique. (Foto: UEFA).
photo_camera O sempre criticado Morata anotou o primeiro tanto na prórroga do combinado dirixido por Luis Enrique. (Foto: UEFA).

A selección española de fútbol meteuse nos cuartos de final logo de imporse á crepuscular Croacia de Modric que hai tres anos alcanzara a final da Copa do Mundo por cinco tantos a tres.

Con todo, o choque non puido comezar peor para o combinado de Luis Enrique, pois nun dos fallos máis grotescos na historia da Euro Unai Simón non foi quen de controlar un suave pase atrás de Pedri e introduciu o balón na súa propia portería no minuto 20.

A chave da remontada foi a solidariedade colectiva dun conxunto que, por outra banda, tivo os mesmos defectos que noutras ocasións, como os puntuais despistes defensivos -que propiciaron a remontada croata que levou até o empate a tres- e a enorme dificultade para marcar gol, personificada nun Morata autenticamente negado... até que no momento chave, en plena prórroga, anotou o 3-4.

Por sorte para Luis Enrique os seus compañeiros na liña ofensiva -Sarabia, Ferrán Torres e Oyarzabal- si que están convertendo, anotando respectivamente o primeiro, o terceiro e o quinto tanto español. O segundo foi obra dun defensa, Azpilicueta, que demostrou por que é o capitán do actual campión de Europa. 

A afección, a gran gañadora desta Eurocopa

Os outros partidos de oitavos disputados até o de agora continuaron coa tónica que vén caracterizando o conxunto da competición, co bo xogo e a intensidade como nexo en común.

Dinamarca abriu a segunda fase cunha gran goleada sobre o País de Gales (0-4), polo que xa están eliminadas todas as nacións sen Estado que foron da partida. A escuadra danesa, ultramotivada desde a doenza sufrida por Eriksen, é xunto con República Checa a gran sensación do torneo por méritos propios.

Os checos, pola súa banda, deron a sorpresa apeando os Países Baixos nun encontro totalmente condicionado pola expulsión de Matthijs de Ligt no minuto 54. Desde ese momento, o combinado dirixido por Frank De Boer quedou descolocado e os centroeuropeos consolidaron un sólido triunfo con tantos de Holes e Schick, segundo máximo goleador con catro tantos, só superado polos cinco de Cristiano Ronaldo.

O astro portugués foi eliminado do torneo por Bélxica cun único tanto materializado por Thorgan Hazard, definido desde hai un tempo polas seareiras máis ácidas como "o Hazard bo", ante a drástica baixada de rendemento do seu irmán Eden desde a súa fichaxe polo Real Madrid.

Cos vixentes campións K.O., Italia aumenta o seu favoritismo após superar Austria por 2-1, mais non sen sufrimento, pois o conxunto transalpino non puido decidir o partido ao seu favor até a mesmísima prórroga.

Comentarios