Francisco Jorquera, candidato á alcaldía da Coruña polo BNG

“Na Coruña pasamos do modelo especulativo do PP ao modelo insubstancial da Marea”

Francisco Jorquera encabeza a candidatura do BNG á Alcaldía da Coruña, cidade na que “botou raíces” desde mozo. Estudou Historia na USC, onde foi dirixente de ERGA e dos CAF. Desenvolveu distintas responsabilidades no BNG, ao que pertence desde a súa fundación. Foi ademais deputado nas Cortes Xerais e no Parlamento Galego.

JORQUERA
photo_camera Francisco Jorquera

Que supuxeron estes catro anos para o seu concello?

Na Coruña pasamos do modelo especulativo do goberno do PP ao modelo insubstancial da Marea Atlántica. O mandato actual caracterizouse pola ineficacia na xestión e a ausencia de transformacións reais por parte do goberno municipal.

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

A Marea Atlántica hai catro anos foi capaz de xerar ilusión en moitos sectores da cidadanía mais esa ilusión inicial tornouse nunha grande decepción. O alcalde vai concorrer ás eleccións prometendo que vai facer o que non fixo nestes catro anos por carecer de proxecto de cidade e pola incapacidade do goberno local.

E o traballo realizado polo seu partido?

Creo que o BNG, partindo dunha situación difícil, foi capaz de ter un perfil propio exercendo un labor de oposición rigoroso e demostrando, con propostas, que hai alternativa. A nosa voceira municipal, Avia Veira, fixo un grandísimo traballo.

BNG, partindo dunha situación difícil, foi capaz de ter un perfil propio exercendo un labor de oposición rigoroso

Cal é a principal necesidade do seu concello?

A primeira necesidade é ter un proxecto de cidade, un horizonte claro cara ao que avanzar. No que atinxe a cuestións máis concretas, é necesaria unha política de vivenda merecente dese nome e cambiar o modelo de mobilidade.

É necesaria unha política de vivenda merecente dese nome

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará na nova lexislatura se está no goberno?

En congruencia coa resposta anterior vou sinalar dúas: cambiar o mapa de liñas, horarios e frecuencias dos buses urbanos e transformar EMVSA (Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades) nunha auténtica empresa municipal de vivenda.

Comentarios