O BNG inquire polo custo total do partido da selección española en Riazor

O partido programado da selección española en Riazor “vai ser un dos maiores investimentos do Concello no que levamos de mandato en materia deportiva”, critica o BNG, que reclama saber o custo total do encontro para as arcas públicas.
Bandeiras franquistas celebrando nun partido da selección española. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Bandeiras franquistas celebrando nun partido da selección española. (Foto: Nós Diario)

Francisco Jorquera, voceiro do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na Coruña, rexistrou esta terza feira unha pregunta por escrito para que o Concello faga público o custo para as arcas municipais do partido da selección española masculina de fútbol no estadio de Riazor, que decorrerá o vindeiro 29 de marzo.

O portavoz nacionalista reclama que o Goberno local que encabeza Inés Rei, do Partido dos Socialistas de Galicia, debulle as xestións “para procurar parceiros privados ou públicos que permitan amortecer o impacto para a Facenda local”.

Nesa liña, reitera a importancia de ser conscientes do choque para as arcas públicas que poden supor os 360.000 euros que custa a organización do evento, só en concepto de canon.

Ademais, incide Jorquera, no que atinxe ao partido amigábel contra Islandia “hai outros gastos adicionais non determinados que o BNG demanda agora que se cuantifiquen”.

Outro dos aspectos que aborda a pregunta ao Concello é coñecer “que retorno en termos económicos e de promoción da cidade” contan con obter.

Un dos maiores investimentos municipais no sector deportivo

Asemade, Jorquera arremeteu contra a metodoloxía estabelecida nesta clase de certames deportivos, cuestionando se é normal que o total dos ingresos que se recaden sexan integramente para a Federación Española de Fútbol.

Ao tempo, a pregunta rexistrada subliña que todo indica que “este vai ser un dos maiores investimentos do Concello no que levamos de mandato en materia deportiva”, a pesar de que os cartos non provirán de maneira formal do Servizo Municipal de Deportes, senón que estarán a cargo dunha partida da Alcaldía.

Comentarios