Baiona faise coa vitoria na primeira etapa da Regata da Muller de Vela

O vento condicionou o desenvolvemento da proba
Na clasificación loce un empate a puntos entre Baiona e Real Club de Mar de Aguete. (Foto: María Muíña).
photo_camera Na clasificación loce un empate a puntos entre Baiona e Real Club de Mar de Aguete. (Foto: María Muíña).

A primeira Regata da Muller desenvolveu nas augas de Vilagarcía de Arousa a súa etapa inaugural de entre as catro que a conforman -e que se estenderán no tempo até o vindeiro día 22 de maio-, que finalizou co liderado provisional da tripulación dun Monte Real Club de Iates de Baiona, que sumou dous primeiros postos nas regatas dúas e catro do día, mais un segundo e un terceiro.

Os factores meteorolóxicos condicionaron o desenvolvemento da competición, até o punto de que o barco do Real Club Náutico de Vigo, coa dobre campioa do mundo de Vaurien Alejandra Suárez á cana, rompía o temón na primeira das probas da xornada e xa non volvería á auga; mentres que o barco que representaba o Vertigo Sailing de Punta Lagoa enganchábase nunha baliza e quedaba co rizón, asinando un dobre DNF e dous quintos postos. 

Houbo picos de 28 nós -baixou a 15 nas dúas últimas regatas-, con vento do 40 e un día "moi duro" para as tripulacións, segundo explicou a organización, algo que explicou Alejandra Suárez xa en terra, confirmando a "rotura do temón na primeira manga, e despois xa non puidemos navegar".

Pola súa banda, Marta Ramada, a patroa do Monte Real de Baiona, subliñou desde o Centro Galego de Vela de Vilagarcía que a proba "foi moi dura, con ventos de 25 nós e rascas fortes, e a verdade é que foi máis difícil de levar o barco... pero tamén foi moi divertido".

Con todo, desenvolvéronse catro regatas, con dúas vitorias parciais para Monte Real (Marta Lino, Cristina González, Rita Hernández e María Campos) e outras tantas do Real Club de Mar de Aguete (Claudia  Sobral, Paula Fernández, Teresa González e Alejandra Peleteiro), o que anticipa unha igualada pelexa no resto desta fase inicial da Liga Feminina.

Con tripulacións de catro mulleres en cada Elliott 6M, fecha a primeira xornada como líder o barco de Baiona (4 puntos), con Aguete igualado (4) e as regatistas do Real Club Náutico da Coruña no terceiro posto, sendo a vindeira oportunidade para velas navegar o 24 de abril, de novo en Vilagarcía de Arousa.

Memorial Cholo Armada

Non moi lonxe do Centro Galego de Vela, o Real Club Naútico de Vigo organizou o Memorial Cholo Armada de Snipe, o campionato galego da súa clase, que viu como o panorama da proba se revolucionaba por completo pouco despois de comezar, logo da descualificación dos líderes provisionais da primeira xornada, Manuel González (CN Vilagarcía) e Guillermo Rodríguez (RCN Sanxenxo).

Este cambio de paradigma foi aproveitado polo patrón coruñés Jaime de Miranda (RCN da Coruña), que acompañado polo canario Ismael Less logrou repetir triunfo nun Memorial Cholo Armada que xa se adxudicara na súa edición de 2010. A segunda posición tamén foi para unha embarcación do RCN da Coruña, tripulada por Jorge Tabara Rodríguez e Juan Maciñeira Ortiz, mentres que a terceira praza no podio recaeu en Juan Manuel Cajade e Tiago Padrón, do RCN de Vigo.

Ao mesmo tempo que o Campionato Galego de Snipe tivo lugar o da clase 420, que foi para a tripulación formada por África Alonso e María Pérez-Canal, sendo segundos Bruno Ameneiro e Pablo Lorenzo, o que lles deu o título na categoría Sub-19, mesmo caso de Pablo Rodríguez e Pablo Llorens, cuartos clasificados na xeral e primeiros entre as Sub-17.

Comentarios