A Regata da Muller arria en Vilagarcía

A localidade arousá de Vilagarcía acolle esta sexta feira a primeira edición da Regata da Muller, carreira configurada tamén como etapa inaugural da Liga Galega de Vela Feminina. Esta competición exclusiva para mulleres nace, segundo a Real Federación Galega de Vela (RFGV), coa intención de "incentivar" a súa participación no mundo da vela, "onde aínda son minoría tanto nas probas como no estamento federativo", a pesar de que, resaltan, é "un dos deportes máis igualitarios".
As galegas Toro e Echegoyen, no seu Elliot M6 en Londres 2012 (Foto: EP).
photo_camera As galegas Toro e Echegoyen, no seu Elliot M6 en Londres 2012 (Foto: EP).

Presentada oficialmente durante a xornada de hoxe nun acto desenvolvido na sede da RFGV, a Liga Galega de Vela Feminina terá como sede as inmediacións do Centro Galego de Vela -situado á beira das augas da Ría de Arousa- e estará estruturada en catro fases diferentes: a de hoxe día 19 de marzo e outras tres programadas para o 24 de abril, o 8 de maio e unha última o 22 de maio.

Estas complementaranse cunha regata con participación de cinco tripulacións femininas de distintas partes do Estado que se verán as caras coa mellor embarcación da Liga, estendéndose ao longo da primeira fin de semana de xuño.

O formato de competición da regata é o tradicional "todas contra todas", pois o conxunto das tripulacións enfrontaranse entre sí en cada proba. Ademais, haberá xuízo directo no mar e realizará un percorrido barlovento/sotavento. Por outra banda, as participantes aspiran a conseguir un dos premios que recibirán as tres primeiras tripulacións.

Unha oportunidade de formarse no mundiño

Desde a Real Federación Galega de Vela consideran que este "evento único" debe ser aproveitado, a maiores, para "a promoción e a formación de deportistas e técnicas no mundo da vela", polo que invitan "cun único fin formativo" a que distintas mulleres "poidan crecer no panorama náutico como técnicas profesionais no noso deporte", converténdose en xuízas, balizadoras e oficiais. Por iso, realizan un chamamento a "todas as federadas interesadas" a acceder a estas formacións enviando a súa solicitude a través do correo electrónico [email protected]

Os barcos de Echegoyen e Toro

As embarcacións que empregarán as tripulacións que sexan da partida na Liga Galega de Vela Feminina en Vilagarcía de Arousa será o Elliot de seis metros, que lles será proporcionada pola organización da competición.

Esta nave é de grato recordo para o deporte galego, pois con ela as galegas Támara Echegoyen e Sofía Toro proclamáronse campioas olímpicas nos Xogos de Londres 2012 na clase Match Race, converténdose así nas primeiras mulleres na historia olímpica da Galiza en gañar unha medalla de ouro. 

Agora, e tras o éxito do Europeo Júnior de 2019 de 420 e 470 desenvolvido en Vilagarcía, a Real Federación Galega de Vela decide empregar cinco barcos desta  clase adquiridos pola Xunta da Galiza en 2009 -máis outros catro pertencentes á Real Federación Española de Vela- para que arredor deles pivote esta nova Liga Galega de Vela Feminina.

Empregado por primeira vez en Nova Zelanda no ano 2000, esta embarcación precisa de catro tripulantes e consta de 2,35 metros de manga cun calado de 1,66 metros

Comentarios