Fútbol

'Repesca' da Eurocopa 2024: estes serán os enfrontamentos

Interesantes duelos nas semifinais.
Gales, a única nación sen Estado en liza, non poderá contar co xa retirado Gareth Bale (Foto: EP).
photo_camera Gales, a única nación sen Estado en liza, non poderá contar co xa retirado Gareth Bale (Foto: EP).

A UEFA sorteou hoxe os seis emparellamentos, divididos en tres cadros diferentes, dos play-offs de clasificación á Eurocopa 2024, que se disputará o próximo verán en Alemaña, nunha rolda eliminatoria que terá o País de Gales-Finlandia, Polonia-Estonia e Grecia-Casaquistán como encontros máis destacados.

O sorteou levouse a cabo na sede do organismo reitor do fútbol a nivel continental, en Nyon (Suíza), onde se comezou a escribir a folla de ruta das últimas tres prazas que restan por definir no torneo continental. Así, esta repesca terá seis semifinais e tres finais programadas, todas elas entre o 21 e o 26 de marzo de 2024.

No cadro 'A' enfrontaranse nas semifinais Polonia e Estonia, por un lado, e País de Gales e Finlandia, polo outro. Os de Robert Lewandowski, que buscan estar na súa quinta Eurocopa consecutiva -alcanzando o seu teito en Francia 2016, cando chegaron á rolda de cuartos de final- son grandes favoritos para avanzar á final, tanto polo seu nivel no céspede como por unha estatística que mostra que venceron os estonianos en sete dos nove encontros que disputaron previamente, aínda que todos eles tiñan carácter amigábel.

Con respecto a Gales, a única nación sen Estado nesta repesca, a pesar da ausencia dun Gareth Bale que colgou as botas definitivamente a principios de xaneiro deste ano, aspira a prolongar a súa boa xeira de resultados ante Finlandia, contra quen está invicto. 

Pola súa parte, no bloque 'B' a sorte deparou un Bosnia Hercegovina-Ucraína, choque con precedentes moi recentes, xa que na fase de clasificación para o Mundial de Qatar 2022 o combinado dirixido pola ex parella de Shevchenko  no ataque do Dinamo de Kiev, Sergei Rebrov, logrou un empate na casa e un triunfo fóra. 

O vencedor agardará polo gañador dun Israel-Islandia no que os do Próximo Oriente soñan coa súa primeira presenza na Euro e os da illa setentrional con regresar a un torneo no que en 2016 foron eliminados a só dous chanzos da final. 

Por último, na chave 'C', sobre o papel a menos interesante para o afeccionado non implicado emocionalmente con ningún dos contendentes, dous equipos moi abaixo no Ránking FIFA como Xeorxia e Luxemburgo optan a xogar a final contra Grecia -campioa en 2004- ou Casaquistán.

Comentarios