Aprender alpinismo pode ser un xogo

'Cordadas, trasnadas camiño do cumio!' achega o montañismo a través das cartas e de forma lúdica.
Alpinistas do Club de Montaña 'O Cordal' de Lugo probando o xogo (Foto: Club de Montaña O Cordal).
photo_camera Alpinistas do Club de Montaña 'O Cordal' de Lugo probando o xogo. (Foto: Club de Montaña O Cordal)

O achegamento a un deporte pode vir de moitas maneiras. Existen campañas institucionais, partindo de organismos federativos por exemplo, ou mesmo a través das escolas. A iniciativa partiu de María Yáñez, mais coñecida por Muki, secretaria do Club de Montaña 'O Cordal', de Lugo, e membro do Club de Montaña Buxán, de Monforte de Lemos.

Veciña da Pobra do Brollón, na Terra de Lemos, e namorada do alpinismo, pensou que o xogo ben podía difundir o seu deporte dunha maneira lúdica e creou unha proposta con cartas de temática montañeira: 'Cordadas, trasnadas camiño do cumio!'.

“A idea xurdiu tomando un café cuns amigos en Baleira (comarca da Fonsagrada), antes dun día de escalada, e tratábase dun xogo tradicional de mesa con taboleiro, dados e fichas”, explica en conversa con Nós Diario.  A proposta inicial mudou nunha saída que realizou aos Picos de Europa.

“Decateime que o que levo sempre na mochila é unha baralla de cartas ou un xogo pequeno”, admite esta alpinista. Co obxectivo de “orientar” a proposta ao mundo do montañismo, “aínda que está aberto a todo o mundo” como recoñece, adaptouno a un formato máis fácil de transportar.  

Funcionamento sinxelo e didáctico sobre alpinismo

En 'Cordadas' poden participar de 2 a 6 persoas e transcorre durante unha expedición na que se ten que chegar ao cumio dunha montaña levando todo o material necesario. Polo camiño teñen que continuar, malia múltiples obstáculos, para conseguir o obxectivo, que é chegar en primeiro lugar e gañar a partida.  

O xogo ten 80 cartas divididas por tipos: cartas de materiais, trasnadas, cartas de axuda, cartas home morto e cartas de meteoroloxía adversa. Ademais hai seis cartas de vía que se reparten ao principio da partida e decidirán o tipo de material que cada xogadora deberá reunir. Aínda que a temática é o alpinismo, non é necesario coñecer os materiais dos diferentes tipos de vía para poder xogar xa que as cartas  teñenun código de cores. 

"Quero facilitar a accesibilidade ao xogo ás persoas que non están neste mundo e non dificultar con termos técnicos da escalada", admite. A idea das cores vai por ese camiño e emprega cartas de materiais vermellos que se corresponden coa Escalada Clásica, cartas de cor azul que se corresponden o Alpinismo, cartas de cor amarela que se corresponden coa Escalada Deportiva e cartas de materiais comúns que valen para os tres tipos de vías. 

Difundir o alpinismo e a lingua galega

María Yáñez opina que o montañismo galego está nun dos seus mellores momentos a nivel social. “Hai certo boom no noso deporte, polo menos nótase nas saídas ao monte”, considera desde a súa experiencia, “aínda que outra cousa é a especialización e que se preparen para facer certas actividades”, admite. 

O xogo, ademais, procura espallar a lingua galega dentro e fóra do país empregando terminoloxía propia do alpinismo. “As cartas están só en galego e nas instrucións optei por poñelo tamén en castelán”, indica Yáñez. “Gustoume a idea de que se movera un xogo en galego tamén fóra”, engade. 

A iniciativa, polo de agora, iniciou a súa andaina na plataforma de micromecenado Verkami cunha boa aceptación e nela seguirá até mediados do mes de marzo. A súa creadora conta con poder ter dispoñíbel xa o xogo na rúa para o vindeiro mes de xuño.

Comentarios