O Club Alpinista Abrente e Medos Romero, protagonistas do 'Sermos Galiza' deste sábado

O Club Montaña Ferrol, fundado en 1974, lembrou cunha homenaxe o pasado 17 de xullo a historia do desaparecido Club Alpinista Abrente e a súa actividade deportiva e de promoción da cultura galega entre 1935 e 1936. Poderás coñecer esta e outras historias no 'Sermos Galiza' que este sábado acompaña o teu exemplar de 'Nós Diario'... 64 páxinas por só tres euros!
Pezas do 'Sermos' desta semana. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pezas do 'Sermos' desta semana. (Foto: Nós Diario)

O xornalista Antón Escuredo recupera a historia do Club Alpinista Abrente, fundado en Ferrol para o número deste sábado de Sermos Galiza. Esta asociación deportiva, creada en 1935 e desaparecida en xullo de 1936, tivo como maior proxecto o Monte dos Poetas.

"O montañismo ferrolán recuperou este verán as súas raíces. O Club Montaña Ferrol, fundado en 1974, lembrou cunha homenaxe o pasado 17 de xullo a historia do desaparecido Club Alpinista Abrente e a súa actividade deportiva e de promoción da cultura galega entre 1935 e 1936", abre a súa reportaxe Antón Escuredo.

Entrevista a Medos Romero

O semanario Sermos Galiza deste sábado trae unha entrevista de Montse González a Medos Romero, autora de E o sol era Ela, un poemario co que gañou o XIX Premio de Poesía Afundación.

"Este libro nace inmediatamente despois de rematar Hortensia. Un levoume a outro e os dous teñen en común a figura da nai. O primeiro é un libro de amor rotundo por miña nai, escrito tras a súa morte, e o segundo expresa o desamor que eu sentín nunha etapa crucial da miña vida, cando teño tres anos e por necesidade son afastada do seo familiar", explica a poeta.

Alfonso Penela, inconformista

Aliás, Iago Valverde asina a reportaxe 'Alfonso Penela, inconformista', sobre un dos grandes arquitectos de finais do século XX e comezos do XXI. "Nunha dilatada carreira Alfonso Penela compaxina os grandes edificios públicos, as novas iconas urbanas, con pequenas intervencións case anónimas", indica.

"A traxectoria de Penela comeza nos 70, indo a estudar a Barcelona, unha cidade moi diferente do seu Vigo natal. A cidade mediterránea posuía unha forte presenza da regularidade urbanística, grandes monumentos representativos e moitos colegas de referencia", detalla Iago Valverde.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Fernando Montenegro, que trae as últimas novidades, a comezar por Diluvio, das Tanxugueiras, mentres Herminio González asina o artigo titulado 'A elite da música clásica na Mariña'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles Depredador: A presa, de Dan Trachtenberg, e Anxo Fole ofrece na sección de Cociña un menú para fin de semana.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Alimentar canarios con ovos de casa, de Anxo Mena (Espiral), mentres Inma Otero Varela fala de As mulleres e os días, unha tradución de Manuel Outeiriño da obra de Gabriel Ferrater (Chan da Pólvora). Aliás, o colectivo Xea trasládanos ao sendeiro de pescadores Miño-Tamuxe.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros!

Comentarios