Antonio Rodríguez Troitiño, portavoz de Renova FGA: "Quen choca con Iván Corral logo ten problemas"

A Federación Galega de Automobilismo leva rexida pola mesma familia desde principios da década dos 80, cuns últimos anos moi polémicos que inclúen unha inhabilitación ou mostras de sexismo como recompensar as piloto con roupa interior. Antonio Rodríguez Troitiño (Lalín, 1969) quere acabar con todo iso desde Renova FGA. 
O lalinense defende un cambio na cabeza da Federación Galega. (Foto: Renova FGA).
photo_camera O lalinense defende un cambio na cabeza da Federación Galega. (Foto: Renova FGA).

Que está pasando na Federación Galega de Automobilismo (FGA) até o punto de xurdir unha plataforma, da que vostede está á fronte, e que ten como obxectivo cambiar as persoas que están levando a Federación? 

Pasa que se están facendo as cousas mal. A Federación Galega de Automobilismo está rexida por unha soa familia, e iso levounos a querer cambiar o rumbo do automobilismo.

Esa familia da que fala está conformada por Iván Corral, quen chega á Presidencia da Federación Galega de Automobilismo en 1983. En 2019 é inhabilitado para o cargo, e desde entón a Presidencia ocupouna oficialmente a súa esposa, Gloria de Burgos Pousa. Curiosamente, antes das últimas eleccións que gañou, Pousa foi a súa rival a pesar de que viña sendo a secretaria da Federación desde 2003. Por que en todos estes anos non se produciu ese cambio que agora procuran?

Non tivo lugar porque, aínda que houbo tentativas, non se chegou a fraguar algo serio no que se traballase duro para fiscalizar o que fai a federación, por iso todos os intentos previos foron algo tímidos, por así dicilo. 

Críticos con Corral acúsano de ser a persoa responsábel de que probas, escudarías e pilotos fuxan da Galiza. Está afectando realmente a eses niveis a cabeza da FGA ao automobilismo galego?

A realidade é que iso está pasando, si. Hai moitas probas que están escapando do campionato galego polas disputas que ten o presidente, porque no momento en que non bailas ao seu son chega o enfrontamento, e desde que se produce ese choque todo son problemas. Entón, a xente opta por irse ao campionato Estatal ou por outras alternativas, porque aquí pouco pode facer.

Este ano vai haber eleccións e, se llo permiten, porque está agora mesmo expedientado, a súa intención é presentarse ao proceso electoral como alternativa a Iván Corral...

Si, agora mesmo estou no medio dun proceso de inhabilitación aberto pola propia Federación Galega de Automobilismo por unhas declaracións miñas nun medio de comunicación, o que non ten sentido. Non podo opinar do que penso que está facendo mal a Federación? Agora está pendente da resolución dun tribunal da FGA e, no caso de que esta non sexa favorábel aos nosos intereses, recorreremos ao Comité Galego de Xustiza Deportiva ou mesmo á xustiza ordinaria, onde sexa preciso.  

No caso de que finalmente non lle permitan presentarse a esas eleccións, desde Renova FGA teñen previsto outro nome como alternativa?

Nós o que temos claro de inicio é que si vou poder presentarme, porque esa inhabilitación non ten ningún sentido. Se iso pasara, o grupo ten alternativas.

Onde cre que se torce a cousa? Porque vostede mesmo chegou a ser membro dunha directiva de Corral. Cando e como comezan os problemas?

Cando estas dentro vaste dando conta realmente das cousas que se van facendo mal. Das ideas e non che fan nin puñetero caso ao que propós, pero logo de aí a dous anos levan a cabo un proxecto que rexeitaron no seu momento... e non sei porque falo en plural, porque a Federación Galega é cousa dunha soa persoa. Todo iso vai pouco a pouco minándoche. Para que estar nunha xunta directiva onde non podes achegar nada? Non ten ningún sentido. Co tempo vas recapacitando, as cousas precipítanse, ves enfrontamentos con escudarías, comunicados contra elas acusándoas de non facer rallys en ano de pandemia porque non gañan diñeiro... e ese foi o detonante final para dicir "isto non pode seguir así".

Comentarios