Ana Peleteiro, virtualmente nos Xogos Olímpicos de París 2024

A saltadora de Ribeira logrou, por fin, a marca mínima esixida pola Federación Española após alcanzar os 14.32 metros en Ourense.
Peleteiro, voando sobre o sintético de Expourense. (Foto: RFEA).
photo_camera Peleteiro, voando sobre o sintético de Expourense. (Foto: RFEA).

Ourense leva acollendo desde a pasada sexta feira o Campionato de España de Atletismo en Pista Curta, un certame no que todos os focos recaían sobre a figura de Ana Peleteiro.

A razón era ver se a de Ribeira, por fin, alcanzaba a marca mínima esixida polo Comité Olímpico Internacional (14,55 metros) ou pola Real Federación Española de Atletismo (14,20) para estar nos Xogos de París 2024. E logrouno.

Tan só un ano e dous meses despois de ser nai, Peleteiro completou un gran concurso sobre o sintético de Expourense, facéndose merecedora dun triplo premio grazas ao seu mellor salto de 14,32 metros: a medalla de ouro, a súa oitava no Campionato de España-; a mellor marca estatal do ano e, sobre todo, a mínima federativa para ser parte dos Xogos Olímpicos de París 2024. 

A cousa non puido comezar mellor para ela, pois no seu primeiro intento voou até os 14,19, ficando a un centímetro do anhelado obxectivo, que logrou no terceiro.

A maiores, unha distancia mínima provocou senllos nulos que, nas súas propias palabras, transportaríana até os 14,50 metros.

"Estou para saltar máis de 14,50, viuse claramente no último salto, que foi nulo. Fisicamente estou moi ben, mellor que en Toquio 2020 -onde foi terceira-, en mellor forma, máis segura de min mesma, máis sensata, e todo iso son puntos positivos de cara a esta tempada", confesaba unha Ana Peleteiro que non puido evitar que bágoas de alegría percorresen as súas fazulas.

Comentarios