Ana Peleteiro, bronce mundialista en triplo salto

A galega repite boa experiencia no Campionato do Mundo de atletismo en pista cuberta en Glasgow (Escocia).

O salto de Ana Peleteiro en Glasgow, Escocia (Foto: RFEA).
photo_camera O salto de Ana Peleteiro en Glasgow, Escocia (Foto: RFEA).

A atleta Ana Peleteiro colgouse a medalla de bronce en triplo salto no Campionato do Mundo de atletismo en pista cuberta, que se está disputando en Glasgow (Escocia).

A galega, bronce nos Xogos Olímpicos de Tokio, asinou un 14,75 que se converteu no seu segundo mellor salto baixo teito, por enriba do 14,73 que lle valeu para levar o ouro no Europeo en pista cuberta de 2019, tamén disputado en Glasgow.

Na primeira competición internacional de triplo sen a venezolana Yulimar Rojas desde os Xogos Olímpicos de Río 2016, Peleteiro comezou cun 13,93 que superou con fartura no seu segundo salto, un 14,67 co que se situaba en posición de prata, só por detrás da dominicana Thea LaFond.

No terceiro, achegouse con outra gran marca de 14,64, antes de que a cubana Leyanis Pérez, cun 14,90, a desprazase á terceira posición provisional.

O quinto foi o mellor

Un nulo no cuarto precedeu á mellora no quinto , un 14,75 que supoñía a mellor marca estatal baixo teito de todos os tempos e que facía segura a praza no podio.

A discípula de Iván Pedroso fechou a competición cun 14,41. O ouro foi para a dominicana Thea LaFond, líder mundial do ano co seu salto de 15,01 no seu primeiro intento, mentres que a cubana Leyanis Pérez (14,90) colgouse a prata.

Comentarios