Adrián Ben, moi crítico coa súa exclusión do Mundial

O galego non comparte a decisión federativa.
Adrián Ben (á dereita), o 10 de febreiro no Meeting de Lievin. (Foto: EP).
photo_camera Adrián Ben (á dereita), o 10 de febreiro no Meeting de Lievin. (Foto: EP).

O atleta galego Adrián Ben, vixente campión de Europa de 800 metros en pista  curta, a nova denominación da antiga pista cuberta, non comparte a súa exclusión por parte do seleccionador estatal da convocatoria para ser parte do Mundial que se desenvolverá en Glasgow (Escocia) do 1 ao 3 de marzo.

"Non sei que máis teño que facer. A Federación [Española] non contou comigo e respéctoo, pero non o comparto, máis nada", explicou o de Viveiro, quen vén de lograr a medalla de bronce a pasada fin de semana no Campionato de España que se disputou en Ourense, por detrás dos dous escollidos para ser parte da cita escocesa: Mohammed Attaoui e Mariano García, actual campión do mundo ao aire libre.

"Falei co seleccionador para que me explicase cales eran os criterios que seguiron e eu expliqueille tamén o que pensaba", indicou apostilando que non se enfadou. "A Federación sempre foi boa comigo, non teño ningún tipo de queixa, simplemente quería unha explicación. Son o vixente campión de Europa e finalista mundial hai só catro meses; entón, que se me explique por que non se me leva aos sitios cumprindo cos criterios, xa está, é moi difícil entendelo", agregou Ben.

Coa súa ausencia en Glasgow, o Meeting World Indoor Tour Gold en Madrid será a última proba en pista curta para o galego, sempre enfocado nos Xogos Olímpicos de París. 

A Galiza, presente en cinco Campionatos de España

Nada menos que un total de cinco campionatos de España serán os que se leven a cabo ao longo desta fin de semana, todos eles cunha importante presenza de atletas galegos e galegas. 

Así, no Estatal de Lanzamentos Longos de Inverno (Xaén, Andalucía, sábado) estará buscando o título na xavelina Carmen Sánchez Parrondo. Non moi lonxe de alí, en Lorca, Javi Viteri tamén na xavelina e María Rodríguez no martelo tratarán de emulala no Campionato de España de Lanzamentos Máster

Xa o domingo, en Zaragoza, Antía Chamosa quere confirmar a súa progresión no Estatal de Marcha, o mesmo que as nove representantes do país no Campionato de España Sub-18 de Sabadell. Ao mesmo tempo, Santiago García e Pedro Sevilla defenderán a Galiza no Estatal de Maratón Máster que se disputará na localidade levantina de Castellón.

Máis en DEPORTES
Comentarios