Fútbol

A PREVIA | O derbi galego mide os momentos de Dépor e Lugo

Branquiazuis e albivermellos chegan ao encontro inmersos en situacións antagónicas.
O último enfrontamento entre Deportivo e Lugo en Riazor foi en marzo de 2020, nunha tempada na que os herculinos perderon a categoría. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O último enfrontamento entre Deportivo e Lugo en Riazor foi en marzo de 2020, nunha tempada na que os herculinos perderon a categoría. (Foto: RC Deportivo).

O Estadio de Riazor acolle a partir das 19 horas deste domingo o derradeiro partido da xornada 26 na Primeira Federación, nin máis nin menos que todo un derbi galego entre o Real Club Deportivo da Coruña e o Club Deportivo Lugo.

Ambos conxuntos chegan a este compromiso en situacións ben diferentes. Así, o local faino defendendo a súa condición de mellor equipo no que vai de ano 2024 nas tres principais categorías do fútbol estatal.

Porque, cando practicamente ninguén contaba con iso -polo menos fóra do vestiario e dos despachos branquiazuis, que optaron por aguantar Imanol Idiakez no cargo a pesar dos malos resultados-, a escuadra coruñesa iniciou co triunfo sobre o Arenteiro o 17 de decembro unha senda de gloria que o levou a saír vitorioso de oito dos seus últimos nove enfrontamentos, elevándoa desde a décima posición que ocupaba na décimo sexta data até a segunda que ocupa a día de hoxe.

O liderado, único posto que garante o escape dun inferno no que o campión de Liga do ano 2000 leva inmerso durante catro longas tempadas, está xa a un punto de distancia, máis o seu asalto dependerá do que faga a Ponferradina ante o Fuenlabrada en Madrid (Estadio Fernando Torres, sábado, 16 horas).

Curiosamente, ou quizás cousas da teoría do caos e o 'efecto bolboreta', na mesma xornada en que comezaba a resurrección herculina Saqués destituía de madrugada e por sorpresa un Pedro Munitis que tiña os albivermellos empatados a puntos co Dépor e a só tres dos postos que dan acceso ao play-off de ascenso.

Substituído no banco por un Paulo Alves que tardou en adaptarse, pero que cando empezou a obter resultados viu como a 'Parca' Saqués arrebatáballe as súas funcións como técnico do Lugo, o choque de Riazor será o segundo de Trashorras no posto.

A situación que herda o lendario ex futbolista de Barcelona, Real Madrid ou Celta é moito peor que a do seu predecesor, pois a distancia cos play-off aumentou até os oito puntos, de forma paralela ao enfado dunha afección farta da forma que ten de dirixir o club dos seus amores o polémico empresario que rexe a entidade da cidade da Muralla desde 2015.

A loita pola promoción de Arenteiro e Celta Fortuna

Deixando a un lado o derbi, os outros dous equipos da Galiza na Primeira Federación, Arenteiro e Celta Fortuna, continúan coa pelexa polas súas respectivas metas.

Os do Carballiño pode que sigan dicindo publicamente que non é outra que a salvación, pero o seu soberbio desempeño a pesar da súa humildade sitúaos por diante do Lugo na clasificación e con dereito a, por que non, soñar coa promoción, para o cal deberán superar o sábado ás 16 en Espiñedo o terceiro clasificado, o Nàstic.

De lograr esa xesta faríalle un favor non só ao Dépor, senón tamén a un Celta Fortuna que despois de concluír a súa mala xeira de resultados a pasada fin de semana aspira a dar continuidade aos triunfos vencendo o Unionistas en Salamanca desde as 20 horas do sábado.

Desínflase o Rácing?

Elevando o foco até a Segunda División, o único galego, o Rácing de Ferrol, está pagando nos seus últimos compromisos o esforzo realizado no primeiro tramo de campionato, e até o de agora só conseguiu unha vitoria no que vai de 2024, a pesar do cal continúa na zona nobre da tábpa, aínda que xa sen colchón de puntos algún.

Para o preparador dos Diaños Verdes, Cristóbal Parralo, toca "poñer as pilar, traballar máis duro e facer as cousas mellor", comezando polo duelo deste sábado co 'outro' Rácing, o de Santander, ás 16.15 horas na Malata, onde non estará, de novo, Álvaro Vadillo, quen viaxou até Cádiz para tratarse das molestias no seu xeonllo esquerdo. 

Comentarios