Fútbol

A PREVIA | O deporte rei alza a súa voz nunha xornada marcada polo Día Mundial contra a LGTBQfobia no Fútbol

Os equipos galegos disputan esta fin de semana partidos de gran transcendencia, brillando con luz propia por enriba de todos eles o que medirá o Celta co Barcelona ás 18.30 horas de hoxe. Non obstante, o aspecto estritamente deportivo fica nun segundo plano ante a celebración do Día Mundial contra a LGTBQfobia no fútbol.
A pesar de todos os avances dos últimos anos, a homofobia continúa viva e presente en moitas bancadas futbolísticas. (Foto: Europa Press).
photo_camera A pesar de todos os avances dos últimos anos, a homofobia continúa viva e presente en moitas bancadas futbolísticas. (Foto: Europa Press).

O 19 de febreiro, segunda feira, celebrarase o Día Mundial contra a LGTBIfobia no Fútbol, que cada ano desde 2010 ten lugar coincidindo co aniversario do nacemento do malogrado xogador inglés Justin Fashanu, o primeiro de alto nivel en facer pública a súa homosexualidade, alá polo ano 1990.

Máis de tres décadas despois o tema segue sendo tabú no fútbol masculino, onde os casos de profesionais sexualmente diversos que 'saíron do armario' no último lustro poden contarse cos dedos dunha man: David Testo (2019, Canadá), Andrew Bremman (2019, Australia), Joshua Cavallo (2021, Australia), Jake Daniels (2022, Inglaterra) e Jakub Jankto (República Checa, 2023).

A maiores, ningún deles forma parte da elite nin milita nunha das grandes ligas, nin sequera o novísimo Jake Daniels, que aos seus 19 anos xoga no filial do Blackpool, conxunto da terceira categoría inglesa.

Isto contrasta sobremaneira co que acontece no fútbol feminino, onde, por exemplo, no último Mundial había 85 futbolistas que recoñeceran publicamente non ter unha orientación heterosexual nas distintas seleccións, incluídas cinco no combinado estatal que levantou a Copa do Mundo, sendo unha delas a galega Tere Abelleira, quen en 2019, cando aínda pertencía á disciplina do Real Club Deportivo, sufriu insultos homófobos nas redes sociais.

Esta situación evidenciase tamén na xornada deportiva desta fin de semana, pois se a Liga de fútbol masculina, presidida polo ultradereitista Javier Tebas -e, polo menos, de forma colectiva e organizada-, non semella que vaia levar a cabo ningún tipo de conmemoración co gallo do Día Mundial contra a LGTBIfobia no Fútbol, no seu equivalente feminino, a Liga F, recoñecendo que "a homofobia é un problema presente no mundo deportivo desde hai anos" que limitou "a libre expresión da diversidade e xerou situacións de discriminación, rexeitamento e violencia contra as persoas LGBTIQ+", promoverá a campaña Amor polas cores, a través da cal repartirán miles de cordóns para os zapatos coas cores do arco da vella ás xogadoras, árbitras, e aos seareiros e seareiras para que aten con eles o seu calzado.

As augas baixan revoltas polo río Lagares

O Real Club Celta recibe ás 18.30 horas de hoxe en Balaídos o Fútbol Club Barcelona. Sobre o papel, o momento non podería ser mellor para dar a sorpresa e vencer un conxunto catalán  inmerso na maior crise de xogo e resultados da súa historia recente, pero dado que o Celta tamén está vivindo exactamente esa mesma situación, o favoritismo volve recaer sobre o Barça.

E máis tendo en conta que Rafa Benítez, por se non fose suficiente co seu enfrontamento con parte da prensa e da bancada de Balaídos, decidiu aproveitar a súa longa comparecencia ante os medios do día de onte para lanzarlle un dardo "sen apuntar a ninguén" ao capitán Iago Aspas -ao fío dunhas palabras do dianteiro logo de perder co Xetafe a pasada semana-, indicando que é necesario "controlar as declaracións".

A sorpresa contra a decepción na categoría de prata

Na Segunda División, o Rácing, que continúa terceiro na táboa a pesar da súa recente derrota ante o Burgos, quere seguir sorprendendo a costa do Levante (A Malata, mañá, 16.15 horas), unha das grandes decepcións da tempada, pois pese a estar configurado para o ascenso pena na zona morna.

Seguirá gañando o Dépor?

O Deportivo recibe o Tarazona (mañá, 19 horas) co liderado na cabeza, posición que ocupaba até hai pouco un Celta Fortuna en horas baixas que xoga en Irún (mañá, 12 horas). O Lugo, pola súa parte, viaxa a Teruel (hoxe, 20 horas) e o Arenteiro colide co Osasuna B ás 10 horas de hoxe.

Comentarios