De Justin Fashanu a Jakub Jankto: a homofobia, un muro aínda por derrubar no fútbol profesional

Insultos, burlas e mesmo ameazas é o que recibiron boa parte dos futbolistas profesionais que fixeron pública a súa homosexualidade, comezando polo inglés Justin Fashanu, que acabou suicidándose.
Os futbolistas Justin Fushana (xa falecido) e Jakub Jankto. (Fotos: CNN / Europa Press)
photo_camera Os futbolistas Justin Fashanu (xa falecido) e Jakub Jankto. (Fotos: CNN / Europa Press)

"Son homosexual e non quero agocharme máis". Así de simple. Con esas palabras anunciaba esta semana o futbolista Jakub Jankto, actualmente cedido polo Xetafe CF ao Sparta de Praga, algo que pode parecer unha nimiedade mais que resulta de enorme relevancia por mor dos tabús que aínda pairan sobre o fútbol profesional. Foi, de feito, o primeiro xogador de LaLiga e o primeiro tamén internacional coa súa selección en declarar abertamente a súa orientación sexual.

Moito antes ca el fixérao Justin Fashanu, nun contexto máis complexo que o actual. Corría o ano 1990 cando o fixo público diante de todo o país protagonizando unha portada do xornal The Sun. No canto de aceptación, recibiu burlas, insultos e ameazas. O seu propio irmán, John, tamén futbolista, chegou a ofrecerlle 75.000 libras esterlinas a cambio de non dicir que era gai, segundo el mesmo confirmou nunha entrevista en 2015.

Nos estadios de toda Inglaterra recibían Fashanu con cánticos homófobos. Moitas veces, porén, a intolerancia residía no seu propio equipo. "Se queres unha barra de pan, onde vas? Ao panadeiro, supoño. Se queres unha perna de cordeiro, ao carniceiro. Entón, por que segues indo polas noites a eses malditos clubes de maricóns [sic]?", díxolle nunha ocasión o seu adestrador no Nottingham Forest —varios anos antes do anuncio público—, Brian Clough, segundo recoñeceu, arrepentido, na súa autobiografía tempo despois.

En 1997 colgou as botas no Miramar Rangers de Nova Zelandia, para posteriormente pór rumbo aos Estados Unidos como técnico do Maryland Mania, onde foi acusado de abuso sexual ao ano seguinte por parte dun dos mozos que adestraba, sendo interrogado mais sen chegar á detención. Co temor, segundo fontes próximas a Fashanu, de non recibir neste país un xuízo xusto pola súa homosexualidade, marchou de volta a Londres. Desde a súa familia, con todo, afirman que fora "chantaxeado por cartos" e que xa tiña prevista a viaxe, polo que "non fuxiu da xustiza". Días despois apareceu aforcado nunha rúa da capital inglesa.

"Decateime de que xa fun declarado culpábel. Non quero dar máis preocupacións á miña familia e aos meus amigos. Espero que o Xesús que amo me dea a benvida; ao final atoparei a paz", deixou escrito nunha nota. O presunto caso de abusos foi arquivado posteriormente ante a falta de probas.

Tres décadas despois tomoulle o relevo Jankto: "Como todos os demais, teño as miñas fortalezas e debilidades, teño unha familia, teño aos meus amigos, teño un traballo que estiven facendo o mellor que podo durante anos, con seriedade, profesionalismo e paixón. Como todos os demais. Eu tamén quero vivir a miña vida en liberdade. Sen medos. Sen prexuízos. Sen violencia. Pero con amor. Son homosexual e xa non quero agocharme", defendeu na súa recente mensaxe difundida en redes sociais.

Alén de Fashanu e Jankto, practicamente poden contarse cos dedos das mans os futbolistas profesionais que manifestaron publicamente a súa homosexualidade. O australiano Josh Cavallo fíxoo en 2021: "Medrar sendo gai e xogar ao fútbol eran dous mundos cuxos camiños nunca se cruzaron", sinalou.

Canda el, o alemán Thomas Hitzlsperger —subcampión de Europa en 2008— e o estadounidense David Testo, ambos os dous retirados do deporte de elite de forma prematura. "Non creo que os equipos canadenses estean dispostos a contratar un futbolista gai actualmente", lamentou Testo. O seu compatriota Collin Martin, quen tamén deu o paso, si segue a xogar, na categoría de prata dos EUA.

No Estado español foi un árbitro o pioneiro en falar abertamente da súa homosexualidade: Jesús Tomillero, en 2016. Insultos e ameazas acompañábano polos campos andaluces nos que arbitraba. Acabouno deixando, mais hoxe segue a combater a homofobia no fútbol a través dunha asociación que axuda a vítimas de delitos de odio por orientación sexual ou identidade de xénero.

"En Primeira División tamén hai ábritros gais, pero teñen medo de dicilo", afirmara nunha entrevista a elDiario.es en 2016. Na mesma liña, o documental Fóra de xogo, de Richard Zubelzu, puxo de manifesto en 2018 que os grandes clubes profesionais "non favorecen" a liberdade de revelar a orientación sexual por, entre outras cuestións, "medo a perder patrocinadores árabes".

A homofobia foi tamén unha das cuestións máis comentadas en relación co ensombrecido Mundial de Qatar, cuxo emir, Tamim bin Hamad al-Thani, deixou ben clara a súa postura cando foi preguntado pola prensa, pouco antes de que botase a rodar o balón, sobre como se recibiría a comunidade LGBTIQ+ neste evento de masas: "Nós damos a benvida a todo o mundo, mais tamén agardamos e queremos que a xente respecte a nosa cultura".

Enténdase por "respecto á cultura" as presións á FIFA para que impedise aos capitáns das seleccións de Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Gales, Inglaterra, Países Baixos e Suíza portaren o brazalete One Love, coas cores do arco da vella, en defensa dos dereitos das persoas homosexuais. A Federación ameazou con mostrar o cartón amarelo ao xogador que levase o distintivo nos partidos e os equipos cederon.

Comentarios